Durante a 37.ª edición do Salón Internacional de Gandería Space sucedéronse ducias de actividades, entre conferencias, exposicións, entregas de premios, presentacións de produtos, poxas de gando e concursos morfolóxicos. Recollémolo en Vaca Pinta 41.
O tema da enerxía, punto de inflexión moi significativo para o sector primario en xeral e especialmente para a gandería, estivo moi presente nos debates e nas presentacións da última edición de Space, celebrada en Rennes (Francia) do 12 ao 14 de setembro.
“Fronte ao aumento dos custos enerxéticos, os gandeiros deben atopar solucións para que as súas ferramentas de produción sexan máis eficientes. Estes desafíos supoñen o desenvolvemento de competencias e coñecementos para o uso e a xestión de novos equipos”, destacaron desde a organización. Durante os tres días de feira, os visitantes puideron descubrir as novidades e solucións existentes neste ámbito, comparar as diferentes propostas e obter consellos por parte de expertos para tomar decisións e dirixir mellor os seus investimentos.

PREMIOS INNOV’SPACE
Na xornada do martes, como vén sendo habitual, o evento central foi a cerimonia de entrega dos premios Innov’Space. Nesta convocatoria foron premiadas 37 das 188 candidaturas presentadas, logo dun rigoroso exame por parte dun xurado de expertos multidisciplinares. De todas elas, catro recibiron a mención de honra: Pudama (Kverneland Francia), Watt’N’Wall (Leretrif Rossard Batiment), Mastatest (Mastaplex) e Vetscan MastiGram+ (Zoetis France).
As grandes temáticas do palmarés deste ano abordaron a agricultura de precisión e a redución do impacto ambiental mediante maquinaria agrícola, así como as solucións que optimizan o uso da enerxía e melloran as instalacións, a seguridade sanitaria e a saúde dos animais.
Na área da saúde animal foron favoritos Mastatest e Vetscan MastiGram+, os cales lles dan a posibilidade aos gandeiros de diagnosticar e tratar rapidamente ás vacas en caso de problemas nos ubres. No relativo á agricultura de precisión, sobresaíu a candidatura presentada polo grupo Kverneland, que permite introducir fertilizantes no chan á beira de cada gran. No campo da enerxía destacou Watt’N’Wall, un produto para a cría de porcos que inclúe unha rede hidráulica para quentar as instalacións e que aposta polo benestar dos gandeiros e dos animais.
Durante a feira tamén tivo lugar a presentación de proxectos candidatos ao Tech’Agri by Innove’Space, un concurso iniciado por Bretagne Développement Innovation, Innozh e Space, que pretende que mozos en formación reflexionen sobre problemáticas agrícolas concretas e deseñen xuntos solucións técnicas para abordalas.
Nesta primeira edición, quince alumnos procedentes de escolas agrícolas e de enxeñaría participaron nesta acción. Repartidos en catro grupos, traballaron en conxunto desde o mes de marzo de forma presencial e por videoconferencia co fin de crear unha solución técnica para os problemas agrícolas que eles mesmos identificaron de xeito previo.

Un xurado especialmente creado para o concurso estudou os expedientes antes de asistir ás presentacións que se ofreceron durante o transcurso de Space. “Por unha banda, participar neste concurso permite que estudantes procedentes de formacións centradas no terreo dixital identifiquen saídas e oportunidades nas que quizais non pensaran inicialmente. Pola outra, aos educandos da rama agraria este exercicio dálles a posibilidade de saír da súa liña habitual de aprendizaxe para deseñar e probar solucións tecnolóxicas”, apuntaron os membros do tribunal.
UN ESPAZO PARA OS MOZOS E O FUTURO
“Space non só presenta solucións para os nosos expositores, senón tamén espazos para que os asistentes interactúen entre si, intercambien opinións e debatan sobre temas importantes para a agricultura do presente e do futuro”.
Neste sentido, o “Espace for the Future” deste ano tratou o tema da enerxía e deulles aos visitantes as claves no referente ás expectativas para as súas explotacións gandeiras a longo prazo.
A oferta completouse co Espace Jeunes, un proxecto realizado conxuntamente coas redes de ensino agrícola que pretende darlles voz aos mozos que están a cursar formacións agrícolas e contribuír, desta maneira, á remuda xeracional no mundo agrícola. “Hoxe en día, a metade das nosas explotacións están dirixidas por persoas maiores de 55 anos, e unha cuarta parte delas teñen máis de 60 anos. Chegou o momento de que os mozos se integren”, sinalaron os portavoces da feira.
Así, Espace Jeunes acolleu cada día un cento de estudantes, os cales tiveron a ocasión de debater sobre os temas que máis lles interesan en relación co sector. Como incorporarse, as posibilidades respecto dos días de descanso, aspectos relacionados cos ingresos, os problemas derivados da caída da produción e a utilidade de realizar prácticas foron algúns dos temas que saíron a colación. “Espace Jeunes, xunto co Tech’Agri Challenge, puxo de manifesto toda a determinación e a capacidade das novas xeracións, ás que podemos confiar o noso futuro”, aplaudiron os organizadores.
CERTAMES DE GANDO
No que se refire á exhibición de animais, entre o martes e o xoves sucedéronse unha ducia de campionatos de vacún nos que participaron 500 bovinos de 13 razas. As razas homenaxeadas desta edición, a charolesa e a simmental, celebraron, respectivamente, o seu certame nacional e o trofeo europeo.
Como vén sendo habitual, a xornada do xoves estivo dedicada aos exemplares frisóns: 166 animais competiron no Prim’Holstein Atlantique, que foi xulgado polo normando Luc Sassel.
O exemplar ao que o xuíz deu a palmada vencedora foi Paisley Feunteun Sané, copropiedade do Gaec de Kresker e o Gaec de Feunteun Sané. Esta vaca impúxose ás outras produtoras que entraron en pista e que foran previamente preseleccionadas para competir polos sindicatos da raza das rexións do Grand-Ouest francés.
Tamén volveu celebrarse, na tarde do mércores, a poxa Génomic Elite, na que foi posible poxar de forma dixital e física. Poxáronse exemplares de 7 razas diferentes. En total, 31 xovencas (10 delas presentes na feira) e 7 lotes de embrións de seme sexado.

UNHA FEIRA QUE SEGUE INNOVANDO E EN EXPANSIÓN
A organización salientou que, nesta edición, inscribíronse un total de 1.207 expositores (cen máis que en 2022) e que, deles, 241 o fixeron por primeira vez. “Tivemos 365 casetas de empresas internacionais (22 delas, españolas), chegadas de 39 países, e recibimos ao redor 91.000 visitantes durante estes tres días”, subliñaron, ademais de destacar que concretamente os sectores da nutrición e da alimentación animal, xunto co da enerxía, experimentaron un notable aumento con respecto ao ano anterior.
Con esta edición xa finalizada, Space encamíñase cara á organización da reunión de 2024, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de setembro e na cal prometen continuar poñendo o foco nas tendencias que permitan promover un sector agrogandeiro rendible e sustentable.