Space volve ao formato presencial sen olvidar o terreod ixital

Space volve ao formato presencial sen olvidar o terreod ixital

Tras dous anos sen feira física, na súa 35ª edición a Space regresa cun concepto novo. O salón, que se celebrará desde hoxe e ata o xoves 16 de setembro de maneira presencial no Parque de Exposicións de Rennes (Francia), completarase o venres 17 cunha xornada 100 % dixital detrás das pantallas.

Desde a organización sinalaron que están “encantados de poñer en marcha esta nova modalidade da Space”, cuxos cambios teñen como obxectivo principal satisfacer a demanda dun gran número de expositores (nesta edición estarán presentes 1100 expositores; máis de 200 acoden por primeira vez e 323 son empresas internacionais), así como respectar as medidas sanitarias para ofrecer unha feira segura para todos os asistentes.

Fiel á fórmula que lle funciona, e este ano baixo a temática do benestar animal no seu Espace for the Future, Space volverá ofrecer un amplo abanico de propostas: xornadas e conferencias, exposición de animais, concursos morfolóxicos, poxas de elite…

UN DÍA DETRÁS DA PANTALLA

Así mesmo, e seguindo co camiño iniciado o ano pasado, este venres habilitarán unha plataforma de citas entre expositores e visitantes estranxeiros que funcionará durante un mes.

Tamén estarán dispoñibles en liña conferencias sobre distintas temáticas e problemáticas e ofrecerase contido exclusivo, organizado por expositores ou estruturas profesionais. Ademais, emitiranse algúns momentos destacados dos tres días da feira.

ENTREGA DOS PREMIOS INNOV’SPACE

Un dos pratos fortes da feira, os tradicionais premios Innov’Space, entregaranse esta tarde. Este ano presentáronse un total de 108 proxectos, dos cales 25 recibiron o selo Innov’Space. Hoxe daranse a coñecer os nomes daquelas propostas que recibirán as 3 estrelas, o máximo recoñecemento da cerimonia.