CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL DA XUNTA DE GALICIA

María José Gómez: “Temos que ser conscientes do que custa e do que nos reporta producir un litro de leite”

A mediados de abril, María José Gómez asumiu o cargo de conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, posto no que sucede a José González. Sobre os seus primeiros pasos nesta nova etapa á fronte da Consellería, así como sobre as necesidades inmediatas do sector lácteo, conversamos con ela nesta entrevista. Máis en Vaca Pinta 45.

Con que perspectivas comeza a súa traxectoria como conselleira?

Súmome ao proxecto do presidente Rueda con moita gratitude e ilusión. Por suposto, este é un tren en marcha e, polo tanto, sería ilóxico non recoñecer o traballo que desempeñou o meu antecesor no cargo, o compañeiro José González. Partindo de todo o labor xa feito, é necesario agora abrir novas vías de futuro que sigan situando a Galicia como referente no panorama nacional, e incluso internacional, nos diferentes ámbitos. Así mesmo, tamén considero moi importante visibilizar e prestixiar as profesións directamente vinculadas co medio rural, traballando desde idades temperás, e animar e apoiar a remuda xeracional.

Cales sinalaría como as necesidades inmediatas da produción láctea galega?

O sector lácteo galego atravesa un momento de estabilidade, pero é necesario seguir traballando para consolidar, tanto a nivel produtivo coma de calidades, a súa situación de liderado nacional e mesmo de referencia en Europa. Así, temos que seguir incidindo en cuestións como a posición dos gandeiros nas negociacións de prezos e volumes, a remuda xeracional ou a base territorial.

A mellora permanente do funcionamento da cadea de valor é outro dos retos que temos que afrontar, así como o incremento do valor engadido para os nosos produtos ou o fomento da industrialización na nosa comunidade.

Para iso, temos unha ferramenta fundamental, como é a Estratexia sectorial, que veu dando os seus froitos e que vai continuar contribuíndo a asentar este eido produtivo clave do noso rural.

TRAXECTORIA VITAL LIGADA AO CAMPO

Ao preguntarlle pola súa relación co sector primario galego, di María José Gómez que “o rural é a esencia do que son. Veño dunha pequena gandería que foi crecendo cos anos, como moitas outras. Xa o dixen nalgunha ocasión e reafírmome: nacín, traballei e vivo no rural, e síntome moi orgullosa de todos os valores, coñecementos e aprendizaxes que me trouxo, e me segue traendo, este modo de vida que me transmitiron os meus pais e que agora tanto o meu marido coma min lles estamos tratando de trasladar ás nosas fillas”.

Nada en Pradedo de Baixo (Vilameá, Guntín, Lugo), apunta que, pola súa experiencia persoal, a produción láctea en particular non lle é allea: “Como dicían na miña aldea, ‘crecéronme os dentes entre as vacas’. Coñezo a evolución e a enorme transformación deste sector, as súas potencialidades e, por suposto, as súas necesidades”, remarca, consciente de que “Galicia non é só un referente a nivel nacional, tamén o é en Europa en moitos aspectos e debemos visibilizalo entre todos, pois todas as partes da cadea son importantes: produtores, industria e distribución”.

Sinala Gómez que agora, como conselleira, ten “unha visión máis ampla e global dos diferentes sectores” e neste novo posto agarda “contribuír, desde a colaboración con todos os axentes, a mellorar o futuro do noso lácteo e do medio rural en xeral”.

E cales son os puntos fortes deste sector?

A propia Estratexia identifica os puntos fortes do sector nos diferentes eidos da produción, a industria e a estrutura comercial. Así, no primeiro caso ponse de relevancia o elevado nivel competitivo do sector galego, así como o seu grao de especialización ou a profesionalidade dos nosos gandeiros, entre outras fortalezas. No que atinxe á industria, destaca a seguridade alimentaria que caracteriza o sector, a calidade da materia prima ou a existencia de ata catro denominacións de orixe protexidas de queixo. Por último, no ámbito do mercado, hai que salientar que o leite é un alimento de primeira necesidade e que Europa é un dos principais exportadores de produtos lácteos do mundo.

En todo caso, debemos aproveitar as nosas condicións edafoclimáticas, que lles permiten ás nosas explotacións estar á cabeza a nivel nacional en termos de rendibilidade, como reflicten os informes da Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati).


“É necesario continuar na liña de reforzar a posición dos gandeiros na cadea de valor e seguir mellorando a relación entre as diferentes partes”

Saíndo do eixe da AP-9, cal é o peso, a nivel económico, do lácteo na comunidade para o Goberno galego?

É evidente que o lácteo é o motor do rural galego, xa que xera ingresos no sector gandeiro de máis de 1.500 millóns de euros ao ano. A concentración da produción en certas comarcas impulsa unha maior especialización e dinamismo económico. Esas bisbarras —como o Xallas, Bergantiños, Deza, A Chaira luguesa ou a Meseta Interior de Santiago, entre outras— constitúense como polos de actividade e xeran sinerxías que abranguen toda a comunidade autónoma.

No Goberno galego, como non pode ser doutro xeito, somos especialmente sensibles e conscientes do que representa esta riqueza e traballamos para consolidar este sector como núcleo central do rural.

Chega a esta Consellería co prazo para os obxectivos da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo próximo a rematar. En que punto estamos?

Falamos de cinco eixes estratéxicos ou ámbitos de actuación, tres deles principais (produción, industria e mercados) e dous transversais (cadea de valor e formación e innovación).

Os pasos dados en todos eles son relevantes. Galicia está consolidada como líder en produción en España e como unha das principais rexións europeas na materia. No ámbito industrial, avanzamos con paso firme para acadar o obxectivo de transformar en Galicia o 75 % do leite que producimos e actualmente industrializamos máis do 63 %. Nos mercados, avanzamos con iniciativas como o selo Galega 100 % e estamos finalizando o indicativo para o leite de pastoreo. Na cadea de valor, impulsouse unha ferramenta de grande utilidade, Contaláctea, e en canto á formación e á innovación, reforzáronse con iniciativas como a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), entre moitas outras.

A Política Agrícola Común (PAC) é un tema ineludible. Cal será a posición do Medio Rural neste ámbito para garantir o beneficio dos gandeiros e agricultores galegos?

A posición de Galicia neste tema é clara e nunca variou. Continuaremos defendendo os intereses dos nosos agricultores e gandeiros con lealdade institucional cara ao Goberno de España —interlocutor con Bruxelas—, pero con firmeza. Seguimos avogando por unha maior flexibilidade na aplicación das políticas europeas, especialmente do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) e a súa adaptación á realidade do territorio galego en particular.

De feito, vemos como varias demandas enviadas desde o Goberno galego ao Ministerio tras as mobilizacións do sector produtor foron tidas en conta e finalmente trasladadas a Bruxelas. Alí foron ben acollidas e agora temos a confirmación de que se incorporarán nas próximas modificacións dos regulamentos da PAC, algo que nos alegra y demostra que o que se pide desde Galicia debe ser tido en conta.

Polo tanto, solicitamos unha maior claridade e concreción na adopción de medidas por parte do Ministerio, que debe traballar para garantir seguridade xurídica aos solicitantes da PAC. Aínda que consideramos que se están dando pasos na boa dirección, continuamos reclamando maior ambición e concreción na adopción de medidas, por exemplo en cuestións claves como os ecorréximes, que cómpre adaptar á nosa realidade.

Así mesmo, demandamos maior definición no reforzo da aplicación da Lei da cadea alimentaria ou do sistema de seguros agrarios, e tamén propostas concretas para a gandería en extensivo ou para fomentar a remuda xeracional no agro.


“Aínda que consideramos que se están dando pasos na dirección correcta, reclamamos maior ambición e concreción na adopción de medidas, por exemplo, en cuestións clave como os ecorréximes, que deben adaptarse á nosa realidade”

A ordenación do territorio segue sendo un dos temas pendentes para a nosa comunidade. Que medidas se propoñen dende a Consellería?

Considero que, tanto coas concentracións parcelarias como cos instrumentos da Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, avanzamos moito neste ámbito. Falamos da mobilización de arredor de 35.000 hectáreas nos últimos anos e seguiremos traballando para recuperar máis terra, co fin de mellorar a base territorial das nosas explotacións, pero tamén de estruturar o rural, en sentido amplo. Un dos propósitos que nos marcamos para os próximos anos é o de axilizar os prazos para que as concentracións parcelarias sexan unha realidade o antes posible.

Falamos dun período de estabilidade, pero os gandeiros galegos seguen a ser os peor retribuídos do país pola venda de leite (levan desde agosto por baixo dos 0,5 €/litro). Que falta por facer para cambiar esta tendencia?

É necesario seguir reforzando a posición dos gandeiros na cadea de valor e seguir mellorando a relación entre as diferentes partes, así como a transparencia xeral do sector. Nós levamos tempo poñendo en valor o enfoque empresarial na xestión das explotacións, centrándonos nas marxes de beneficio.

Neste sentido, Contaláctea é un instrumento que está tendo moi boa acollida e que representa un salto cualitativo importante, unha ferramenta posta ao servizo dos gandeiros con esa finalidade de mellorar a competitividade das explotacións. Ademais, estamos impulsando diferentes accións formativas, como o curso Gandeiros 20-30, que inciden nese enfoque empresarial polo que apostamos.

Por outra banda, tamén é importante salientar que o Fogga publica mensualmente os prezos do leite por tramos de produción, o que redunda nunha maior transparencia do sector.

Fai falta incidir máis na repartición equitativa ao longo da cadea de valor?

Evidentemente. Nunca se debe vender o leite por baixo xa non dos custos de produción, senón da marxe de beneficio. Os gandeiros teñen que sacar unha rendibilidade do seu negocio, se non, non hai futuro. Debemos poñer en valor o que aquí se fai (a sustentabilidade do noso medio rural, o esforzo dos nosos gandeiros, a promoción de moitos postos de traballo na industria e na distribución...) e temos que ser conscientes do que custa e do que nos reporta producir un litro de leite.


“A percepción dos consumidores é que o galego é un leite de garantías, tanto cualitativas como sanitarias “

Ten capacidade o noso sector transformador para estruturarse de xeito máis competitivo no mundo actual?

Como se sabe, a nosa produción leiteira non para de medrar —precisamente este último mes de marzo, o último do que temos datos consolidados, volveuse bater o récord de produción—, o que dá idea da competitividade do sector. Penso que non debemos descoidar este aspecto, sempre apoiándonos na calidade como gran referente. E falar de calidade é tamén falar de valor engadido. Indubidablemente, é preciso afondar no valor engadido das nosas producións e niso seguiremos traballando da man do sector.

Polo demais, aprecio un compromiso cada vez máis firme do sector transformador por mellorar a súa competitividade e penso que a filosofía da creación de valor está callando en todos os elos da cadea. Temos bos exemplos de implantación no noso territorio de industrias transformadoras punteiras, con plantas de última xeración que producen produtos moi específicos e de alto valor. Desde a Consellería continuaremos traballando para que a repartición dese valor engadido sexa compartido por todas as partes da cadea.

Existen desde hai anos selos como “Galicia Calidade” ou “Galega 100%” (ou, a nivel estatal, a marca “Origen España”) para a valorización dos nosos produtos. Estanse empregando axeitadamente?

Estamos moi satisfeitos co éxito acadado con Galega 100% e traballamos, como comentei anteriormente, noutros selos de calidade, como son o do leite de pastoreo. A nivel nacional, débese impulsar tamén esa referencia á orixe dos nosos produtos lácteos como elemento diferenciador e de valor nos mercados. Niso estamos, en coordinación co Goberno e coa Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil).

Ante a proliferación de campañas a favor das bebidas vexetais, o sector leiteiro cada vez ten maior necesidade de chegar ao consumidor de maneira efectiva. Como están a promover a calidade e seguridade dos lácteos galegos?

No ámbito da promoción do noso leite, a calidade é unha referencia fundamental. Tamén, por suposto, a orixe, así como a seguridade alimentaria e o benestar animal. Son factores que temos que seguir poñendo en valor e visibilizando entre a sociedade, como se fixo recentemente coa campaña de fomento do consumo de queixos galegos con denominación de orixe. Considero que neste aspecto existe unha coincidencia xeral nos diferentes axentes do sector e nós somos especialmente sensibles á hora de poñer toda esa riqueza en valor.

Penso que a percepción xeral dos consumidores é que o leite galego é un leite de garantías, tanto cualitativas como sanitarias, como realmente é. 

Está claro que a formación será unha clave de estabilidade e progreso para este sector, como para calquera outro. Como continuará dando apoio a Consellería neste sentido?

Como mencionei antes, a formación e a innovación son dous eixes clave para o futuro do sector. Nós apostamos por unha formación cun enfoque empresarial, que seguiremos impulsando con cursos específicos para os gandeiros, e tamén potenciando a nosa rede de centros de formación e experimentación agroforestal. A existencia dunha axencia, como a da calidade alimentaria, que coordina toda esta materia, é unha demostración da nosa aposta polo I+D+i como panca de cualificación, profesionalización e desenvolvemento do noso sector lácteo.

A remuda xeracional, tanto de gandeiros coma de veterinarios e demais técnicos, é un aspecto crítico para o medio rural en xeral. Como se propoñen facer fronte a isto?

Temos unha ferramenta moi potente para impulsar a remuda xeracional, que xa está a dar os seus froitos. Refírome á liña de axudas para a incorporación de persoas mozas, que permitiu a entrada no sector de preto de 5.000 persoas. Por suposto, na renovación de técnicos e profesionais no sector tamén desempeñan un papel fundamental os centros de formación e experimentación agroforestal.

Así mesmo, necesitamos estabilidade. Se os nosos mozos ven o sector como algo estable, decidirán apostar por quedar aquí, por continuar coas ganderías nas que naceron e se criaron ou, por que non, aínda sen ter relación previa co sector, interesaranse polo ámbito da produción ou valorarán compaxinar a gandería cos seus estudos ou con outras profesións. Para potenciar todo isto, a formación é un alicerce fundamental.

No referente aos veterinarios, consideramos que é un colectivo clave para o futuro do sector. Por iso, unha das miñas primeiras accións como conselleira foi reunirme con eles e coñecer as súas necesidades e inquietudes. Hai temas de actualidade, como o veterinario de explotación ou o uso responsable e racional dos antibióticos, que é necesario explicarlle a este sector con máis detalle.

Cales sinalaría como os retos máis urxentes tanto para o sector como para a súa Consellería?

En termos xerais, eu falaría do reto de asegurar o futuro do noso rural desde un triplo enfoque, procurando a súa sustentabilidade económica, ambiental e social. Temos que ser capaces de harmonizar o necesario crecemento do sector primario cos desafíos que presenta o clima, pero con sentidiño. Estratexias como as de “Da Granxa á Mesa” ou o Pacto Verde Europeo teñen que ser un referente, desde logo, pero sen esquecer que os nosos agricultores, gandeiros e silvicultores son os principais custodios do territorio e é necesario asegurar o seu futuro ofrecendo garantías, seguridade e certezas.