A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, que terá lugar do 20 ao 22 de febreiro de 2025 na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), será unha vez máis referente no ámbito dos concursos frisóns. Xa está dispoñible para a súa consulta o programa completo da feira, regulamento, boletín de inscrición no concurso de gando frisón e regulamento e cédula de inscrición para os certames de preparadores e manexadores.
Os concursos morfolóxicos, organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, disputaranse o sábado 22 de febreiro. Serán o XXXVII Open Internacional da Raza Frisona GandAgro e o XXXIII Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga.
A estes certames súmase, tamén da man de Fefriga, o XLII Concurso Internacional de Mozos Manexadores “Memorial Luis Louzao” o venres 21, no que os mozos gandeiros demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. O XX Concurso Internacional de Mozos Preparadores GandAgro 2025 será o mesmo día, e os participantes amosarán a súa destreza preparando o gando que logo se presenta en pista.
O 17 de xaneiro remata o prazo para inscribirse nos concursos morfolóxicos e o 3 de febreiro nos de manexadores e preparadores. Toda a documentación está dispoñible na páxina web de Fefriga.
Para esta edición, o xuíz encargado de valorar os participantes será Marcel Egli (Suíza). Nado en Buttisholz (Lucerna), medrou nunha granxa familiar de vacas Holstein. Ten formación en agricultura e en venda polo miúdo. Desde 2014 traballa para Swiss Herdbook como asesor de cría e, desde 2017, é xuíz oficial. Tamén organiza poxas en Europa con Genetics Sale e foi xuíz en numerosas exposicións en Suíza, Francia, Alemaña e Reino Unido.