O concurso morfolóxico da raza frisona Feiradeza de Lalín trasládase este ano a finais de verán e acollerá o rexional galego da raza frisona. Desta maneira, e tras a súa anulación o ano pasado pola pandemia, os días 10, 11 e 12 de setembro haberá no concello lalinense unha cita dobre, posto que se celebrarán en paralelo o XXXVI Concurso da Raza Frisoa Feiradeza 2021 e o XXIV Concurso Autonómico Fefriga 2021. O evento desenvolverase no Lalín Area, onde estarán as casetas das empresas colaboradoras e onde se celebrarán os concursos.
O concelleiro de Agricultura, Avelino Souto, presentou o cartel completo da cita acompañado de Manuel Sandamil, presidente da Federación Frisona Galega; Jesús Manteiga, presidente de Africor Pontevedra, e José Rodríguez, xerente de Africor Pontevedra. Souto incidiu en que será unha "fin de semana completa e de referencia para todo Galicia, ademais de que os mellores gandeiros de Galicia congregaranse en Feiradeza". O edil tamén informou que os concursos estarán xulgados polos xuíza belga Martine Lambot.
A maiores das citas para o gando, o concelleiro anunciou que "imos ter unha parte de maquinaria que vai ser novidade na feira, xa que noutras edicións non había isto". Haberá unha subasta de animais élite. Ademais, apuntou que durante todo o fin de semana haberá actividades relacionadas co sector para os máis pequenos.
Venres 10
- Ata as 15:00 horas, entrada do gando ao recinto da feira.
- Inauguración e concurso de peladores, a cargo do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia.
Sábado 11
- Ás 12:00 horas empeza o concurso das becerras no que se elixirá á xata campioa de Feiradeza e a xovenca gran campioa de Galicia.
- Ás 17:00 horas, como novidade, haberá un concurso de tractores. Montarase un circuíto e os condutores terán que pasalo no menor tempo posible e sen erros. Contará coa colaboración de Maxideza.
- Ás 19:00 horas, levarase a cabo o concurso de mozos manexadores.
Domingo 12
- Ás 10:00 horas, concurso de vacas de leite, no que se escollerá a vaca campiona de Feiradeza e a gran campiona de Galicia.
- Ás 14:00 horas, entregaranse os premios e Fefriga realizará a entrega das mencións honoríficas aos mellores gandeiros de Galicia.
- Ás 16:00 horas, arrincará a poxa.
- Ás 20:00 horas, clausura do evento e saída dos animais.
Nas seccións este ano haberá unha novidade: as vacas que leven producido máis de 65.000 litros de leite na súa vida, contarán cunha homenaxe.
Consulta todas as seccións aquí