A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, celebrará unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en lexislación de benestar animal no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón (A Coruña) o vindeiro sábado, 3 de setembro, o 17 do mesmo mes e o 1 de outubro.
O obradoiro, que terá horario de mañá, desde as 9:00 h ata as 14:00 h, e de tarde, desde as 16:00 h ata as 21:00 h, inclúe nocións teóricas, que se darán durante os tres días do curso, como prácticas, impartidas na tarde do 1 de outubro, nas que haberá unha visita ás instalacións de As Regas SAT e a unha explotación do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, antes de realizar o exame.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, ten como obxectivo formar aos seus alumnos no relativo á diversa lexislación de benestar animal tanto a nivel europeo como nacional e galego. Ademais, preténdese proporcionar a formación esixida neste tipo de obradoiros a persoal de explotacións, condutores/as e coidadores/as.