Unión de Uniones e Agromuralla, a través de comunicados que envían por separado, consideran que as declaracións dadas recentemente pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) están fóra da realidade do sector e buscan criminalizar ao gandeiro ao mesmo tempo que enxalzan a industria. Segundo a Fenil, "España conta co leite en orixe pagado ao gandeiro máis caro de toda a Unión Europea, a excepción de Malta e Chipre, o que propiciou a entrada masiva de produtos lácteos elaborados estranxeiros, en particular queixos, a prezos máis competitivos, desprazando na cesta da compra os nacionais".
"Cinco meses de bos prezos non resolven os abusos, presións e baixos prezos por debaixo do custo de produción que obrigaron aos gandeiros a asumir custos e endebedamentos que lles levaron ao peche", afirmaron desde Unión de Uniones. Así mesmo, a organización acusa á industria de ser a responsable de que, desde 2015, pechasen o 35 % das granxas de leite de vaca e cabra e o 30 % das ganderías de leite de ovella.
Pola súa parte, Agromuralla considera intolerable que a Fenil acuse os produtores de ser os culpables da falta de rendibilidade das empresas leiteiras. A asociación de gandeiros e gandeiras tamén asegura que coas novas baixadas de prezos para os próximos meses estamos indo de novo cara ao desabastecemento. "As industrias tratan de pór aos consumidores en contra dos gandeiros que producimos o leite, acusándonos de ser os culpables do encarecemento da cesta da compra, cando a realidade é que este ano baixáronnos un 20 % o prezo que nos pagan polo leite", expuxo o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez.