Unións Agrarias insta a Larsa a acometer unha suba do prezo do leite acorde ao aumento dos custos das granxas

Unións Agrarias insta a Larsa a acometer unha suba do prezo do leite acorde ao aumento dos custos das granxas

Unións Agrarias lamenta o intento de Larsa de "falsear a realidade" acerca dos prezos que paga aos gandeiros que lle recolle o leite e insta á industria a acometer, canto antes, a suba necesaria para garantir a rendibilidade e o futuro do sector en Galicia e cumprir co que estipula a Lei da cadea alimentaria. A organización lembra que, a pesar de ser unha das industrias de referencia no lácteo galego, do mesmo xeito que Lactalis, está a incumprir a súa obrigación de pagar ás granxas coas que traballa por encima dos custos de produción.

A organización condena o intento de Larsa de "blanquear a súa imaxe valéndose dunha manipulación de datos". Explica que os 2,5 céntimos por litro que a firma destaca subir desde xaneiro aos seus gandeiros se corresponde ao modelo de formación do prezo rexistrado nos contratos en vigor, que estipulan que o 30 % dos prezos que perciben as granxas se calcula en función da evolución das cotizacións dos produtos industriais. Por iso, lembra que o aumento nas cotizacións de derivados lácteos rexistrado nos últimos meses, supuxeron un importante aumento dos beneficios. No caso de Larsa, sitúase nos 9,5 céntimos por litro de leite, dos que unicamente traslada 2,5 aos produtores.

En vista da resistencia de Larsa e Lactalis en cumprir coas súas obrigacións, UUAA impulsará unha campaña para que os produtores tomen a iniciativa e, por primeira vez na historia, sexan os gandeiros quen emitan ás industrias a factura correspondente ao seu aumento de custos. A organización agraria fai un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas para o xoves 11 de novembro ante a planta de Lactalis de Vilalba e o martes 16 ás portas de Larsa, en Outeiro de Rei. Dúas firmas que a pesar de estar dirixidas polo presidente da INLAC e polo FENIL, respectivamente, vulneran a lexislación vixente e resístense a cumprir coa súa obrigación de actualizar os prezos e garantir a rendibilidade das explotacións coas que traballan.