A rendibilidade do sector primario galego está contra as cordas, posto que os custos de produción non cesan de aumentar. Desde Unións Agrarias lembran que mirar para outro lado mentres as industrias pasan "por encima dos dereitos dos produtores" a percibir prezos xustos "significa asinar a sentenza de morte das granxas galegas". Piden á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España (MAPA) que non ignoren esta problemática.
Así mesmo, desde o sindicato lamentan o intento de Larsa de "falsear a realidade" acerca dos prezos que paga aos gandeiros que lle recolle o leite e insta á industria a acometer, canto antes, a subida necesaria para garantir a rendibilidade e o futuro do sector en Galicia e cumprir co que estipula a Lei da cadea alimentaria. A organización lembra que, a pesar de ser unha das industrias de referencia no lácteo galego, do mesmo xeito que Lactalis, está a incumprir a súa obrigación de pagar ás granxas coas que traballa por encima dos custos de produción.
En vista da resistencia de Larsa en cumprir coas súas obrigacións, UUAA continúa coa súa campaña para que os produtores tomen a iniciativa e, por primeira vez na historia, sexan os gandeiros quen emitan ás industrias a factura correspondente ao seu aumento de custos. A organización agraria fai un chamamento á participación na mobilización convocada para mañá, martes 16 de novembro, ante as portas de Larsa, en Outeiro de Rei.