O profesor da Universidade de Wisconsin-Madison (Estados Unidos) Víctor Cabrera foi un dos oradores convidados na última edición do Congreso Anembe. Nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 40 afonda nos temas centrais das súas charlas, orientadas cara á xestión dos datos da granxa para facilitarlles a toma de decisións aos gandeiros.
Leva máis de quince anos traballando na Universidade de Wisconsin-Madison. En que áreas está investigando e impartindo docencia?
O que fago no meu laboratorio cos estudantes é basicamente desenvolver e prover modelos de simulación que lles sirvan como ferramentas para a toma de decisións aos produtores. Normalmente están computarizadas, están en liña, e os gandeiros poden usalas para xestionar de maneira máis eficiente os seus negocios.
Que aspectos se teñen en conta para desenvolver estes modelos?
Tratamos de utilizar os datos que elaboran os nosos colegas e outros laboratorios para identificar que é o máis axeitado desde o punto de vista fisiolóxico e biolóxico e a estes aspectos sumamos a parte económica. Conxugamos todo iso en modelos de simulación, o que permite ter unha mellor perspectiva do que poden facer para mellorar a súa xestión optimizando os datos dispoñibles.
É a cuarta vez que a organización de Anembe conta con vostede para o programa do seu congreso. Que aspectos tratou nesta ocasión?
Sempre é un pracer asistir a unha reunión como esta, que ofrece tantas actividades e un contacto entre profesionais tan proveitoso. Esta vez tiven a oportunidade de ofrecer dúas exposicións. En ambas tratei a integración de datos para tomar mellores decisións en granxa.
De que maneira se pode mellorar a xestión nas ganderías?
En xeral, o problema de moitas ganderías (tanto nos EE. UU., como en España e ao redor do mundo) é que os produtores teñen demasiados datos que non están a ser correctamente utilizados porque non están conectados uns con outros. Para poñer solución a isto, nos Estados Unidos teño o privilexio de estar a dirixir o proxecto Dairy Brain, no que o que estamos a facer é conectar diferentes áreas das explotacións. Por exemplo, o sistema de muxido co sistema de alimentación, co de xenética, co de control leiteiro... En resumidas contas, estamos a crear algoritmos para unir estas áreas de maneira automática e en tempo real.
Na primeira charla centrouse en como usar este sistema para mellorar a nutrición do gando mediante a formulación de dietas máis precisas. Que factores abordou en concreto?
Como sabemos, nas ganderías os produtores provén alimentos a grupos de animais. Sería ideal poder achegar alimentos individualmente, pero iso non é práctico. Existen algúns casos deste tipo de prácticas, pero en xeral alimentamos a lotes de animais. Os produtores tenden a sobrealimentar para asegurarse de achegar suficientes nutrientes e iso ocorre en gran medida porque non hai oportunidade de usar toda a información dispoñible.
Se puxesen os datos da dieta cos de produción e con outros adicionais sería posible ter un sistema automático que permitise axustar a ración e ser máis precisos. Por exemplo, na primeira charla amosamos, con informes de hai dous anos dunha gandería de Wisconsin, que o produtor podía ter un ingreso sobre custo de alimentación de máis de 200 dólares polo simple feito de axustar as súas dietas, isto é, usando eses valores integrados de maneira sistemática. Hai unha oportunidade de incrementar a precisión da alimentación nas ganderías a través dos datos.
A súa segunda conferencia versou sobre a integración dos indicadores claves de rendemento no manexo da granxa. Que beneficios se extraen disto?
A miña intención era mostrar o valor e tamén a complexidade desta acción, o que representa ter os datos integrados e conseguir eses cálculos en tempo real.
Ensineilles dous exemplos sinxelos cunha granxa de Wisconsin na que estamos a conectar información de diferentes sistemas, os cales poñemos nunha base de datos de forma automática e posteriormente en liña, desde onde o gandeiro os pode revisar cando queira. Así, pode facer seguimento, por exemplo, da eficiencia alimentaria, do ingreso sobre alimentación, e ver que pode axustar para mellorar.
Tamén é posible previr problemas de estrés por calor a través de predicións climáticas ou, mesmo, mediante os datos que extraemos do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos, estimar os prezos do leite antes de que se reciba o pago.
En última instancia, o obxectivo desta presentación era demostrar que hai un volume importante de valores nas granxas que están a ser inutilizados e que teñen o potencial para prover información que axudaría a tomar decisións de maneira moito máis eficiente, aspecto que será esencial para garantir o futuro do sector lácteo.
Con que ideas principais lle gustaría que quedasen os veterinarios que asistiron ás súas presentacións?
Con nocións sinxelas e prácticas. O primeiro é que sexan conscientes de que todo isto funciona a condición de que teñamos a información estandarizada. Un gran problema xorde ao meter os datos: unha boa parte introdúcese manualmente nas granxas e sen un criterio claro (por exemplo, que se lle chame a unha enfermidade con distintos nomes). Neste sentido, todo o que poidan facer o produtor e o veterinario para estandarizar os datos á hora de introducilos será de gran axuda cando se vaian a procesar, xa que o fará moito máis sinxelo e consistente.
Outro punto importante sería valorar a gran oportunidade que teriamos (algo que ao mesmo tempo sería un desafío) se os produtores conectasen os seus informes. É algo que agora mesmo non é posible, pero que si o será nalgún momento. Se veterinarios, nutrólogos e gandeiros puidesen poñer información en común, aínda que non fóra en tempo real, iso axudaría enormemente cando se fixese seguimento de factores como os índices de desempeño das granxas, o que contribuiría a lograr melloras máis rápido.