Vaca Pinta realizará este venres un programa especial dende Cimag-Gandagro

Vaca Pinta realizará este venres un programa especial dende Cimag-Gandagro

Un equipo de Vaca Pinta e Vaca TV desprazouse ata o recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, no municipio pontevedrés de Silleda, para seguir o transcurso da V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Abanca Cimag-Gandagro, que comezou hoxe.

A través da voz de organizadores, expositores ou promotores de actividades poñerannos ao día das últimas novidades en canto a maquinaria, equipamentos, sistemas de muxidura, alimentación, fertilizantes, sementes ou xenética. O programa audiovisual Especial Gandagro 2025 estará dispoñible este venres, ás 19:00 h, en Vaca TV.

Ademais desta cobertura especial, na xornada do sábado poderanse seguir en directo, tamén desde Vaca TV, os concursos de gando frisón: o 33.º Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga e o 37.º Open Internacional da Raza Frisona Gandagro.