O Espazo AGROS (Póvoa de Varzim, Portugal) acolleu os días 3 e 4 de setembro o 5.° Open Agrosemana. AGROS volveu organizar este evento, coa colaboración da Associação para apoio à Bovinicultura Leiteira do Norte (ABLN), tras dous anos sen poder celebrarse pola pandemia. Os diferentes campionatos foron xulgados polo canadense Brent Howe.
Nas seccións de xatas e xovencas venceu Pereira Jacoby Alicia, de Vilas Boas & Pereira (Ponte de Lima), que tamén gañou o campionato de xovencas. Así mesmo, Teixeira Moovin Rc 9028, de María Manuela Pereira Marinho (Amarante), proclamouse xata campiona e gran campiona reserva. Vilas Boas & Pereira foi a gandería nomeada como mellor criadora de xovencas.
En canto ás competicións de vacas, Encanto Crushabull 694, de Encanto Natural, recibiu o título de vaca nova campiona; Balazeiro Crush HG Camomile, de Balazeiro do Sobrado (Vila do Conde), o de vaca intermedia campiona, e Pereira Byway-MB Stanley 6, propiedade de Vilas Boas & Pereira, o de vaca adulta campiona. Finalmente, este último animal alzouse co premio de vaca gran campiona do 5.° Open Agrosemana, ademais de que foi o exemplar co mellor ubre do certame.
Por outra banda, Encanto Natural conseguiu o galardón de mellor conxunto de vacas cos animais Encanto Crushabull 694, Encanto Solomon 562 e Encanto Atwood 420.