María José Gómez, conselleira do Medio Rural, visitou a sede de Xenética Fontao

María José Gómez, conselleira do Medio Rural, visitou a sede de Xenética Fontao

A sede de Xenética Fontao recibiu hoxe a visita da conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Durante o percorrido polas instalacións estivo acompañada polo secretario xeral técnico, Jorge Atán; polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e polos presidentes de Conafe e Acruga, Manuel Sandamil e César Dorado, respectivamente.

A titular de Medio Rural puido coñecer de primeira man o labor realizado por este centro, que se configura como un referente no sector a nivel nacional na produción de seme sexado bovino, con entre 40.000 e 50.000 doses anuais e con oito touros no top 10 nacional. A conselleira salientou que a produción de seme convencional, así como de seme sexado bovino, se constitúe como un factor competitivo para o sector primario de Galicia, especialmente para as vacas frisonas, proporcionando autonomía ás explotacións e un material xenético a un prezo razoable.

Gómez destacou que Xenética Fontao é "sinónimo de calidade, innovación e transferencia cara ao sector" e afirmou que na nosa comunidade "somos punteiros no sector lácteo, na xenómica e na xenética animal". A conselleira referiuse a Xenética Fontao como "unha entidade que contribúe a que Galicia siga sendo referente no sector gandeiro a nivel nacional e internacional, tanto pola súa produción como tamén a nivel de tecnoloxía e competitividade".