EDITORIAL

20 anos de Transmedia

20 anos de Transmedia

Que vos contemos que a empresa editora desta cabeceira celebra o seu 20.º aniversario cando apenas faltan dous meses para acadar o vixésimo primeiro é, en realidade, moi propio do estilo Transmedia. E cal é ese estilo? No equipo hai tempo que coincidimos en que a mellor definición posible sería “sobre a marcha”.

Non o dicimos como chiste nin como autocrítica… nin se nos ocorrería! É, simplemente, unha verdade coma un templo.

Improvisar forma parte do ADN desta empresa. Aprender, mellorar, reinventarnos e atopar novas solucións é parte da nosa rutina diaria. Só así conseguimos darlle resposta a todo o que nos requiren os nosos clientes —dentro e fóra de Vaca Pinta—. Porque, se algo nos ensinou a experiencia, é que para chegar a tempo hai que saber cambiar o ritmo, a idea e os plans… pois iso, como diciamos, ir sobre a marcha.

Así foi tamén como xurdiu a idea de celebrar, dalgún xeito, o vixésimo aniversario desta empresa que, malia os distintos embates, soubo manterse a flote con estabilidade e cun equipo que, con orgullo o dicimos, non deixou de medrar.

Sobre a marcha foise perfilando o evento conmemorativo, que tivemos que adiar un par de veces por unha boa razón: novos encargos que foron chegando nos últimos meses. Finalmente, puidemos fixar unha data definitiva: o 19 de xuño, uns meses antes de acadar os 21 anos.

Comentando isto cunha persoa moi próxima á empresa, dicíanos, con razón, que isto non é un contratempo, senón todo o contrario: ter que reprogramar o noso propio acto por novos traballos de clientes non é un síntoma de desorganización, senón un sinal claro do peso que gañou Transmedia e, sobre todo, un exemplo de versatilidade e capacidade de adaptación.

E de capacidade de adaptación, permitídenos a vaidade, non imos precisamente escasos. Só hai que ver o que foron estas últimas semanas, nas que se nos xuntou o traballo habitual de xuño —que xa de por si adoita ser un mes intenso— con toda a coordinación que implicou a mencionada celebración —que debullamos unhas páxinas máis adiante.

Unha vez máis, e non é a primeira vez que o dicimos, conseguimos sacalo todo adiante, cremos que con nota, e dámoslle a benvida ao verán con ganas de desconectar, de recargar pilas e de preparar con enerxía o próximo curso, que chegará cargado de novidades e no que, estamos seguros, o estilo Transmedia volverá estar moi presente.

Como broche a este semestre maratoniano, deixámosvos esta edición de Vaca Pinta para a colección, na que vos falamos de reprodución, de calidade do leite, de intelixencia artificial aplicada á gandería, dos beneficios dos probióticos, do embelecemento dos arredores das granxas, dos resultados de congresos, concursos e poxas... Aí queda unha edición estival máis que agardamos que vos acompañe este verán.