O mércores 10 de marzo, ás 11:30 horas, Abanca Agro celebrará un encontro dixital para clientes do sector agro centrado na próxima reforma da Política Agraria Común da Unión Europea.
O encontro contará coa participación de Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, e de José González, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia. Así mesmo, participarán representantes de Abanca, das administracións públicas e do sector agroalimentario galego.
O evento desenvolverase por videoconferencia. Rógase confirmación de seguimento a través do correo electrónico comunicacion@abanca.com. Os medios que confirmen a súa participación recibirán unha ligazón de acceso e as indicacións técnicas necesarias.
PROGRAMA
Ás 11:30 horas o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, realizará a apertura; ac continuación, o director de Abanca Agro dará a benvida aos relatores. A primeira sesión estará a cargo do subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias (Ministerio Agricultura, Pesca e Alimentación), Ignacio Atance, e leva por título Aspectos máis relevantes da próxima reforma da PAC. A media mañá, será a quenda do subdirector xeral de Xestión PAC (Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia), Jorge Piñeiro, con Cambios máis relevantes desde a perspectiva dos beneficiarios de axudas PAC en Galicia. Seguiralle o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Higinio Mougán, coa súa sesión titulada Implicacións da reforma da PAC para os sectores máis representativos en Galicia (vacún de leite e de carne). Para finalizar a xornada, o conselleiro de Medio Rural, José González, levará a cabo a clausura.