Agromuralla celebra os seus dez anos cunha xornada para desmontar trolas

Agromuralla celebra os seus dez anos cunha xornada para desmontar trolas

Agromuralla, a asociación de gandeiras e gandeiros que xerminou nas tractoradas de 2015 polos baixos prezos do leite, cumpre dez anos. Por iso, organiza un acto público o venres 21 de novembro, baixo o lema: "O papel das produtoras e produtores na alimentación: desmontando bulos alimentarios".

O acto terá lugar ás 11:00 h no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Celebrarase unha mesa redonda co obxectivo de desmontar trolas sobre o papel das persoas produtoras na alimentación.

Na sesión participarán o médico e divulgador científico Manuel Viso; o xornalista da Cadena COPE en Andalucía e divulgador do medio rural Emilio Gómez; a xogadora de baloncesto do Durán Maquinaria Ensino, Elba Garfella; e Luís Pérez, presidente de Agromuralla e gandeiro en Casero SAT (A Pastoriza, Lugo).

Agromuralla conta na actualidade con máis de 400 persoas asociadas nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Tras a loita polos baixos prezos do leite, centra os seus esforzos en problemas como "o peche de ganderías, a falta de relevo xeracional, a excesiva carga burocrática ou o endurecemento das normas ambientais".