A executiva da asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla asegura que a mellora real dos novos contratos que entraron en vigor o 1 de abril en Galicia é "moi limitada".
Acreditan que a suba é de "menos dun céntimo no conxunto das ganderías, xa que só entre un 10 e un 20 %, as que máis leite producen, incrementaron de maneira substancial o seu prezo por cantidade". Denuncian que esta situación supón "un castigo inxustificado para a maior parte das ganderías galegas, que moxen entre 50 e 100 vacas".
"As industrias impoñen as súas condicións debido á falta de capacidade que ten o produtor", aseguran. "Resulta inxustificado que dúas granxas veciñas, que entregan o leite á mesma empresa, unha cobre o litro a 50 céntimos e a outra a 43 cando o camión de recollida é o mesmo".
Agromuralla defende que se paguen primas en función da calidade do leite, pero "non polo volume das entregas". Acusan ás industrias de "utilizar a desculpa da recollida para prexudicar ás granxas pequenas".
A asociación esixe que, de cara á próxima renovación de contratos no mes de agosto, as subidas se trasladen ao prezo base para que cheguen a todos os negocios. "A finalidade de Agromuralla é defender ao conxunto do sector, sexan grandes ou pequenos produtores", aclaran.
Pídenlle tamén á Administración galega "que non permita prácticas abusivas no seu territorio" e "que controle a diferenza de prezo que teñen as granxas galegas respecto ao Estado e tamén entre si, sen permitir que se castigue ás granxas pequenas polo mero feito de serlo".