Agromuralla denuncia diferencias de ata 9 céntimos no prezo do leite entre granxas galegas veciñas

Agromuralla denuncia diferencias de ata 9 céntimos no prezo do leite entre granxas galegas veciñas

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denuncia que as industrias lácteas están a aumentar as diferenzas de prezo entre granxas veciñas en Galicia, con marxes de ata 9 céntimos por litro, como estratexia para abaratar o custo medio do leite. A entidade critica que estas prácticas penalizan de xeito directo ás explotacións pequenas e medianas, que constitúen a maioría no territorio galego.

Segundo Agromuralla, os novos contratos que as principais industrias —Lactalis, Larsa e Leite Río— están a propoñer para o período a partir do 1 de agosto inclúen subas limitadas que non chegan a corrixir o diferencial de prezos con respecto ao resto de España e Europa. As cifras manexadas oscilan entre os 42,5 e os 53 céntimos por litro, en función do volume de entregas, unha política que a asociación cualifica de “desproporcionada e inxustificada”.

“A finalidade de Agromuralla é defender o conxunto do sector, sexan grandes ou pequenos produtores”, indican, polo que reclaman que calquera mellora nos contratos se aplique ao prezo base, beneficiando a todas as granxas. Ademais, piden á Xunta que non permaneza como espectadora e que actúe contra estas prácticas abusivas.

A asociación subliña que “a prima por cantidade non é unha bonificación, senón unha penalización encuberta para as granxas que menos leite entregan”. Denuncian tamén a "falacia" dos custos de transporte, xa que moitas pequenas granxas están na mesma ruta de recollida que outras mellor pagadas.

Agromuralla aposta por un sistema de contratación baseado nun prezo base común e primas vinculadas á calidade do leite, como a graxa, proteína ou a súa calidade hixiénico-sanitaria, independentemente do tamaño da explotación.

A entidade lembrará estas demandas no pleno do Observatorio Lácteo Galego, onde acaba de integrarse como membro representativo. Destacan tamén que o contexto actual favorece unha suba do prezo: mantense a demanda, os produtos lácteos cotizan alto nos mercados internacionais, e a produción baixou tanto en Galicia (-2%) como nos principais países produtores europeos, onde os prezos están a medrar con forza. Por todo isto, defenden que o leite galego debe pagarse a 53 céntimos por litro, en liña co resto do Estado e da UE.