Agromuralla denuncia a pouca preocupación do Concello de Lugo polo mantamento da actividade agrogandeira do municipio

Agromuralla denuncia a pouca preocupación do Concello de Lugo polo mantamento da actividade agrogandeira do municipio

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla acusa ao Concello de Lugo de non preocuparse polo mantemento da actividade agrogandeira no municipio logo de se lle denegase a unha vintena de gandeiros que teñen as súas explotacións no termo municipal o dereito a unha bonificación do 50 % no pago das licenzas e impostos de obras de mellora dos seus establos.

Expoñen que a devolución destas cantidades, cobradas indebidamente polo Concello nos anos 2017, 2018 e 2019, están chegando denegadas malia que "xusto antes das últimas eleccións municipais os concelleiros responsables de Medio Rural e de Economía e Facenda, ambos do PSOE, se reuniron ata en dúas ocasións cos afectados e, tras recoñecer o erro na redacción das ordenanzas reguladoras e na aplicación das bonificacións, comprometéronse a resolver o problema, algo que agora non cumpren".

“A un gandeiro de nova incorporación á actividade pedíanlle que demostrase que estaba dado de alta na actividade desde había dous anos, algo evidentemente imposible"

Os importes varían dende os 2.000 ata os 7.000 euros e poñen en risco a viabilidade das granxas, tal e como denuncia a asociación, motivo polo que esixen á alcaldesa "que tome cartas no asunto se non quere ser cómplice do engano".

UNHA NORMA MAL REDACTADA

O Concello de Lugo promoveu no ano 2016 unha rebaixa do 50 % nas licenzas de obra para construción ou ampliación de explotacións nas 54 parroquias rurais do termo municipal para favorecer o desenvolvemento do sector agrogandeiro no municipio. Porén, Agromuralla critica que, á hora da verdade, os gandeiros non se podían acoller ás bonificacións por como estaba redactada a norma: “A un gandeiro de nova incorporación á actividade pedíanlle que demostrase que estaba dado de alta na actividade desde había dous anos, algo evidentemente imposible, do mesmo xeito que se pedía que o que facía a obra fose o dono do terreo, o que deixaba fóra aos mozos e mozas que querían mellorar as explotacións dos seus pais", explican.

Esta redacción incongruente da norma, corrixida a partir de 2020, provocou que durante os tres anos anteriores a maioría dos gandeiros que fixeron obras de mellora nos seus establos ou instalacións anexas non puideran facer efectivo o seu dereito á bonificación.

En 2019, nas reunións mantidas cos concelleiros, asegurouse a devolución destes cartos cobrados indebidamente aos gandeiros, “algo que non se está a cumprir”, incide a asociación, xa que os afectados están recibindo agora resolucións nas que se lles denega a solicitude de devolución do importe.

Por todo isto, Agromuralla lamenta o "descoñecemento da realidade rural galega, falta de interese polo sector agrogandeiro e falta de vontade por resolver un problema” que están demostrando as autoridades locais nesta problemática.