Agromuralla ofrece mañá unha xornada informativa sobre os cambios na normativa de xurros e a estratexia do sector lácteo galego 2020-2025

Agromuralla ofrece mañá unha xornada informativa sobre os cambios na normativa de xurros e a estratexia do sector lácteo galego 2020-2025

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla organiza mañá, venres 11 de decembro, no salón de actos da Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei) unha xornada informativa sobre o novo decreto estatal sobre fertilización sostible, que lle afecta a cuestións fundamentais para as explotacións leiteiras como, por exemplo, o fertilizado con xurro, e sobre as medidas incluídas na Estratexia da Xunta para o sector lácteo galego, que acaba de ser presentada.

A xornada dará comezo ás once da mañá coa benvida aos asistentes por parte do presidente de Agromuralla, Roberto López. A causa da pandemia sanitaria por mor do coronavirus, o aforo está limitado a 60 persoas. 

O acto proseguirá cunha conferencia do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, sobre o decreto de nutrición sostible do solo: o xurro.

A continuación, ás 12:00 h, intervirá o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, que explicará a Estratexia para o Sector Lácteo Galego 2020/2025.

Esta xornada informativa está organizada por Agromuralla en colaboración coa Fundación Juana de Vega e a Consellería do Medio Rural.