Rematado o período de aplicación 2014-2020 da actual Política Agraria Común (PAC), o Consello de Ministros aprobou hoxe o real decreto polo que se establecen as disposicións específicas para a aplicación en 2021 e 2022 dos decretos que rexen a xestión da PAC en España. Esta norma, que adapta o regulamento europeo de transición aprobado en decembro, permitirá continuar coa aplicación da PAC durante o bienio citado, ata a aprobación definitiva no ámbito comunitario da nova reforma desta política e o plan estratéxico nacional da PAC, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023.
NOVIDADES DAS AXUDAS 2021
Neste real decreto introdúcense cambios derivados da experiencia adquirida na xestión das axudas para aclarar procedementos e conceptos, de forma que se logre unha maior eficacia na xestión e o control destas axudas. Flexibilizáronse as axudas asociadas á gandería para facilitar o acceso a mozos gandeiros, tamén a aqueles que comezan a actividade e presentan a solicitude única por primeira vez.
Respecto da condicionalidade, e respondendo á ambición ambiental que desde hai anos forma parte da PAC, incluíuse un novo requisito que penaliza a recolección mecánica nocturna en plantacións intensivas de cultivos permanentes en sebe de porte alto, densa follaxe e nos que se produza a anidación ou pernoctación de aves, con obxecto de protexer ás aves durante a época de cría e reprodución.
PRAZO DA SOLICITUDE
Este 1 de febreiro abrirase o prazo para presentar a solicitude única de axuda, que estará aberto ata o próximo 30 de abril.
Como en campañas anteriores os agricultores poderán coñecer o valor dos seus dereitos de pago básico para a campaña 2021 a través da consulta pública creada para ese efecto na web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).