Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.
---- Le o especial completo nesta ligazón----
Coñecemos as ideas que defenderá Arantxa Tapia, conselleira de Desenvolvemento Económico, Sostibilidade e Medio Ambiente do Gobierno Vasco.
Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?
Durante 2021 e 2022 entran en vigor os regulamentos de transición da PAC, recentemente aprobados, que aseguran a continuidade das medidas e axudas en vigor, así como os actuais montantes financeiros, en Euskadi uns 64 millóns de euros/ano de financiamento UE. En paralelo estase a traballar, tanto no ámbito estatal como na nosa comunidade autónoma, no deseño do Plan Estratéxico que articulará a nova PAC a partir de 2023.
Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo vasco?
Nestes momentos estase en pleno proceso de discusión e deseño, interinstitucional e cos principais axentes sectoriais de cada territorio histórico, das potenciais intervencións a incluír no Plan Estratéxico. En calquera caso, as intervencións están abertas a todos os subsectores: apoio a investimentos, rexuvenecemento, transformación, indemnizacións compensatorias de montaña etc. De todas elas se beneficiará o sector lácteo vasco.
Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas... En que consistirá esta nova liña de financiamento?
Os ecoesquemas son unha figura fundamental da nova PAC que cubrirá algunhas prácticas agrícolas especialmente favorables á hora de contribuír á loita contra o cambio climático e a cumprir cos obxectivos do Pacto Verde Europeo. Entre as súas potenciais prácticas estarían as seguintes: prácticas de manexo integrado de pragas, agroecoloxía, plans de cría e benestar dos animais, prácticas de agrosilvicultura, agricultura de alto valor natural (HNV), cultivo de carbono, agricultura de precisión, prácticas de mellora na xestión dos nutrientes etc. Estes apoios inclúense dentro do primeiro piar e deberán supor entre un 20 e un 30 % dos fondos do devandito piar dentro dos plans estratéxicos.
Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción require ter dispoñibilidade de base territorial, temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas esixencias da PAC. Que políticas están a levar a cabo no País Vasco para darlle solución a esta problemática?
Desde o País Vasco trabállase, en primeiro lugar, na defensa do solo agrolóxico ante a forte presión de usos urbanísticos e industriais, basicamente a través do PTS agroforestal de Euskadi e a súa imbricación en todos os procesos de ordenación territorial. En segundo lugar, estase a traballar no impulso de actuacións desde outros instrumentos xa dispoñibles (decreto de uso e fomento do solo agrario/bancos de solo agrario). Tamén se están estudando novas liñas de traballo con base en experiencias doutros lugares da UE, por exemplo a SAFER, os SCOT e PATS franceses, así como o soporte normativo necesario para a súa implantación.
Tamén está por precisar a definición de agricultor xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de alimentos e que esta actividade xere empregos e fixe poboación no rural?
En principio así debería ser se a figura se orientase cara ao agricultor verdadeiramente profesional, pero non cremos que a inclusión dos pequenos agricultores nesta definición, tal e como propón o Ministerio, cambie algo a situación actual.
A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán estas esixencias?
O benestar animal está xa regulado na PAC e seguirán saíndo novas normativas, por exemplo sobre certificacións de benestar animal. No que respecta á nova PAC, o que valora para os plans estratéxicos son apoios a intervencións de mellora do benestar animal, ben a través da implantación de ecoesquemas con esa orientación no primeiro piar ou mediante axudas para financiar o lucro cesante causado pola implantación de actuacións de mellora do benestar animal en explotacións. Desde o País Vasco está a valorarse a inclusión destas posibilidades no Plan Estratéxico.
Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?
A aposta pola dixitalización do sector produtivo vasco no seu conxunto e, a nivel global, de toda a cadea de valor alimentaria é unha aposta de lexislatura que, independentemente da PAC ou de posibles fondos Next Generation, imos apoiar decididamente desde o Departamento. Todos os subsectores se beneficiarán deste apoio e irase plasmando en diversos proxectos e procesos como a tramitación dixital da solicitude única e das axudas, a localización de gando por GPS, os peches virtuais de explotacións sen cercas ou os procesos completos de dixitalización de granxas (automatización de alimentación, muxido, xestión de xurros etc.). Todo iso virá acompañado de cursos formativos en TIC dirixidos aos titulares de explotacións.
Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?
O traspaso xeracional vaise dotar dun incremento na posibilidade de primas á instalación, pero ligado a maiores a esixencias formativas e de xestión empresarial da persoa nova que presente un proxecto de negocio, potenciando os proxectos con maiores expectativas de rendibilidade. En canto ao enfoque de xénero, vai ser transversal a todas as intervencións que se deseñen dentro do Plan Estratéxico.
O pasado 1 de febreiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como vai ter garantido o gandeiro o proceso de xestión e de cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?
Durante os dous anos do período transitorio, os procedementos de solicitude e de xestión das axudas non van sufrir ningún cambio para o gandeiro. Mantéñense os procedementos vixentes.
Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?
As perspectivas financeiras da UE para 2021-2027 aprobáronse a finais de 2020 baixo presidencia alemá e tíñanse en conta os fondos Next Generation para paliar os efectos da pandemia nas economías dos Estados membros, do mesmo xeito que o acordo do brexit. Ningún destes aspectos influíu nos fondos da PAC asignados a ese período, que, en termos correntes, practicamente se manteñen para o Estado nos mesmos termos financeiros que os do período vixente.
Unha reflexión para rematar. O sector produtor, gandeiro e agrario, demostrou neste último ano a súa relevancia para o país e abasteceu a sociedade de alimentos nos momentos máis difíciles, mesmo cando todos puidemos recoñecer a dependencia exterior que temos para outro tipo de necesidades. Non cre que á hora de lexislar este tipo de asuntos tan importantes para os gandeiros e agricultores, como a PAC ou o decreto dos xurros, entre outros, seguen sen consultarlles directamente as súas demandas?
No referente ao ámbito estatal e da UE poderíase, en certo xeito, admitir. No entanto, hai que lembrar que as axudas da PAC se financian cos impostos de toda a cidadanía da UE e esta demanda unha PAC e, en xeral, unhas políticas de sostibilidade cun maior compoñente ambiental e climático. En Euskadi, as nosas administracións, como xa comentei, están a deseñar as políticas agrarias para este novo período en sintonía e contraste cos axentes máis representativos do sector.
SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“A clave está nunha correcta economía circular que aproveite a materia orgánica xerada nas explotacións gandeiras para fertilizar os solos agrarios”
A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca a nova PAC e neste apartado xoga un papel importante a xestión das dexeccións gandeiras. Que alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios?
Tratábase dunha proposta de RD moi xenérica á que lle faltaba axustarse á gran diversidade do territorio global do Estado. No noso caso, fixéronse alegacións, por unha banda, a que as normativas de base deban ser autonómicas (temos xa dous códigos de boas prácticas en canto a fertilización: un en zona vulnerable e outro para zonas non vulnerables. Tamén está o Decreto 515/2009, do 22 de setembro, polo que se establecen as normas técnicas, hixiénico-sanitarias e ambientais das explotacións gandeiras. Deberían ser respectados) e, por outra, ás distancias, calendarios, mesmo listados de cultivos que non se axustan á realidade vasca. Non se ten en conta a climatoloxía vasca con elevada pluviometría, que nuns casos fai que os produtos orgánicos animais teñan maior humidade e noutros dificulta o cumprimento de prazos na realización dalgúns labores como a fertilización. Dado que o RD abría a porta á designación dos estercos e xurros como o mellor material para a recuperación da materia orgánica dos solos, proponse establecer unha priorización clara nas prácticas de fertilización de todo tipo de cultivos. Entre as alegacións, reclamamos unha mellor determinación das explotacións gandeiras que quedarían exentas do cumprimento dos requisitos descritos no borrador, ter en conta o elevado custo económico das analíticas, determinar ben a forma de cálculo dos plans de fertilización, non prexudicar a figura do almacenamento temporal ou amontoamento temporal, pensar en que o balance de emisións pode ser un parámetro importante á hora do cumprimento deste RD ou coñecer as emisións reais do noso sector gandeiro. Como se indica nun informe de IHOBE: “[...] O sector da agricultura, gandería e pesca representa o 3,4 % das emisións de GEI do País Vasco. As emisións neste sector diminuíron un 40 % respecto a 2005 e un 36,5 % con respecto a 1990”.
Máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Seguirán apostando polas prórrogas?
Si. Hai que seguir traballando para que sexan recoñecidas as especiais condicións orográficas do noso territorio, pero non só iso, trabállase tamén na procura das mellores técnicas dispoñibles que se axeiten á nosa realidade.
Non cre necesarias outro tipo de medidas para que o sector se adapte canto antes aos sistemas que se esixirán nun futuro próximo?
Desde logo hai que buscar outras alternativas e trabállase nelas.
Que opina de que esta normativa sexa unha lei única para todo o territorio nacional e non logre ter en conta as condicións orográficas ou meteorolóxicas de cada rexión?
Este é un problema moi claro da normativa, que en xeral obvia ou trata pouco a situación das zonas con parcelas pequenas e con grandes pendentes.
Tampouco diferencia entre os tipos de gandería intensiva e non se pode comparar a realidade do vacún leiteiro, con superficie agraria dispoñible para a aplicación dos xurros como fertilizantes, coa realidade doutro tipo de ganderías intensivas que non practican ningún tipo de agricultura. Como defenderá esta disxuntiva?
A maioría das explotacións gandeiras vascas non poden ser consideradas como intensivas. É certo que existe gandería con pequena base territorial, pero tamén temos agricultura con déficit de materia orgánica nos solos. En Euskadi, un estudo recente de Hazi e Neiker avalía que as necesidades de fertilización nitroxenada dos cultivos son 14 veces superiores á capacidade de produción de xurros ou estercos da gandería vasca. Ademais, o propio real decreto marca a preferencia na fertilización utilizando materia orgánica. Realmente a clave está nunha correcta economía circular que aproveite a materia orgánica xerada nas explotacións gandeiras para fertilizaros solos agrarios.