CON LUPA | Coñecemos a postura de Galicia ante a nova PAC

José González: "Lamentamos que os ecoesquemas propostos polo Ministerio aborden realidades, principalmente, do centro e sur peninsulares"

José González: "Lamentamos que os ecoesquemas propostos polo Ministerio aborden realidades, principalmente, do centro e sur peninsulares"

Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.

---- Le o especial completo nesta ligazón----

José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, contestou así a todas as cuestións que lle realizamos sobre o proceso de negociación co Ministerio e o resto de comunidades.

Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?

Neste proceso podemos falar de dúas etapas diferenciadas. Por unha parte, o período de transición que acaba de comezar o 1 de xaneiro permítelles aos Estados membros dispor de fondos para dar continuidade ás axudas, tanto do primeiro piar durante os anos 2021 e 2022 como as do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia (2.º piar). Pola outra, estamos traballando co MAPA e coas outras comunidades autónomas na preparación do Plan Estratéxico da PAC que se aplicará no período 2023-2027. O obxectivo do MAPA e das comunidades autónomas é ter un primeiro borrador do Plan Estratéxico neste verán e dar os pasos necesarios para a súa presentación ante a Comisión Europea a finais de 2021 ou principios de 2022.

 

Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo galego?

As comunidades da cornixa cantábrica fixemos unha fronte común para defender os intereses dos nosos agricultores e gandeiros. É evidente que temos un modelo de explotación profesional, de pequeno e mediano tamaño, pero eminentemente familiar, que require unha atención específica dentro da futura PAC. Ademais, a orientación produtiva do noso rural ten que ver sobre todo con sectores gandeiros como o lácteo, algo que marca diferenzas con outras zonas do Estado. Por iso, as catro comunidades cantábricas (Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia) defendemos que o Plan Estratéxico Nacional da PAC apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sostible propia do norte de España.

 

Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas... En que consistirá esta nova liña de financiamento?

Os ecoesquemas son unha nova liña de axudas deseñadas pola UE para primar a sostibilidade ambiental. Nós, xunto ás comunidades do Cantábrico, apoiamos que se destine a estas axudas o 20 % do montante dispoñible para pagos directos. Con todo, lamentamos que os ecoesquemas propostos polo Ministerio aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Por iso demandamos, entre outras cousas, un cambio nas propostas do Ministerio e que se engadan outros ecoesquemas adicionais, para atender a nosa realidade. Ademais, queremos que se introduzan, de modo transversal, melloras como a de aplicar un complemento vinculado á prevención de incendios ou a de incorporar unha modulación da axuda por estratos de tamaño.

 

Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción e ter dispoñibilidade de base territorial son dous temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas esixencias da PAC. Cales serán as claves da anunciada lei de recuperación da terra agraria?

Dous dos grandes obxectivos desta futura norma pasan, precisamente, por poñer a producir as terras agora abandonadas e infrautilizadas e por achegar base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Ademais, promove a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto fará posible anticiparse aos incendios forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar a calidade de vida da poboación. A maiores, a lei achegará un beneficio económico para o propietario das terras, mentres aquelas persoas que as queiran traballar contarán coa superficie suficiente para unha actividade económica rendible, sempre mantendo a titularidade dos predios. En definitiva, a futura norma marcará un antes e un despois no noso rural, algo equiparable a unha verdadeira “reforma agraria” moderna e ambiciosa. Teño moitas esperanzas depositadas nela.

 

Tamén está por precisar a definición de agricultor xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de alimentos e que esta actividade xere empregos e fixe poboación no rural?

Esta figura é clave na futura PAC e debe contribuír a conseguir eses obxectivos. En relación coa súa definición, por parte de Galicia e das comunidades do Cantábrico avógase por establecer unha porcentaxe mínima, que se propón do 30 %, dos ingresos agrarios sobre os totais, excepto para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario, para non prexudicar os pequenos agricultores. Advírtese, ademais, como inadecuada a proposta do MAPA de incluír a aquelas persoas que perciben menos dun certo volume de axudas directas, con independencia dese peso dos ingresos na súa renda. Isto, para nós, “desnaturaliza” a propia definición de agricultor xenuíno.


"Debemos poñer en valor o papel relevante que teñen os agricultores e gandeiros na produción sostible de alimentos sans e seguros"

A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán esas esixencias?

Isto encáixase nun dos seus obxectivos específicos, dirixido a mellorar a resposta dos produtores da Unión Europea ante as esixencias sociais nesta materia. Resulta evidente a importancia que os consumidores europeos lle conceden ao mantemento dos animais de produción nun excelente estado de benestar, de tal maneira que consideran que é un deber ineludible das persoas gandeiras. Neste sentido, aínda que a normativa en materia de benestar animal permitiu que os diferentes sectores mellorasen a súa adaptación ás esixencias do consumidor de garantir o benestar dos animais que se dedican á produción de alimentos, detéctanse algunhas insuficiencias, nalgúns casos no cumprimento dos requisitos mínimos das ganderías e noutros na transmisión veraz da información do cumprimento dos parámetros de benestar aos consumidores. A nova PAC pretende contribuír á mellora do benestar animal nas explotacións, fortalecendo a formación dos produtores e a súa adaptación final a estas esixencias dos consumidores.

 

Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?

Efectivamente, a dixitalización do sector agrario é un dos obxectivos fundamentais da nova PAC, que ten carácter transversal. A súa posta en marcha no vacún de leite permitirá profundar no resto dos obxectivos marcados na PAC para este e o resto de subsectores agrarios, e que podemos resumir nunha sostibilidade integral (ambiental, económica, social, alimentaria e de desenvolvemento rural). A dixitalización permítelle ao gandeiro sacar conclusións que o leven a reducir o desperdicio de materias primas, a coñecer os custos exactos da alimentación e a valorar os recursos propios da explotación. Finalmente, quero indicar que esta dixitalización tamén atinxe á nosa Consellería. Así, o Fogga está implementando diferentes ferramentas electrónicas para os solicitantes de axudas, como resposta ás novas esixencias que imporá a futura PAC. Por exemplo, haberá aplicaccións móbiles dentro da plataforma informática SGA de xestión da PAC para facer consultas sobre as solicitudes, manexar fotos xeorreferenciadas, xestionar alegacións ao SIXPAC, informarse sobre os dereitos de pago etc.

 

Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?

No deseño da futura PAC cobran esppecial relevancia ambos os aspectos. Por un lado, apóstase por reforzar a posición da muller na xestión das explotacións e, por outro, mantense tamén o impulso polo traspaso xeracional, con incentivos para a mocidade que desexe incorporarse ao campo. Nós, desde logo, estamos en liña con estes obxectivos.

 

O pasado 1 de xaneiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como terá garantido o gandeiro o proceso de xestión e de cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?

Neste sentido, lamentamos que o MAPA tome decisións sobre a futura PAC, en cuestións tan relevantes como a repartición das axudas directas, sen contar coas comunidades autónomas. Co real decreto recentemente aprobado polo Consello de Ministros, o Goberno central rompeu as regras sen consultar ás autonomías e sen ter en conta, en particular, as alegacións de Galicia. Nestas alegacións –comunicadas ao Estado en setembro e outubro–, mostrabámonos contrarios a que se acelerase a converxencia (a “equiparación” das condicións de cobro das axudas). Agora, neste real decreto, o Goberno central cambia as regras do xogo no período transitorio, e máis cando aínda se descoñece como vai ser a regulación do primeiro piar (axudas directas) no novo período executivo. Consideramos que non ten moito sentido introducir modificacións que afecten a rexións que non sabemos aínda se se van manter. Por todo isto, solicitámoslle ao ministro que reconsidere a súa postura e que aposte por unha converxencia máis suave, que se inicie unha vez que se aclare o réxime do primeiro piar e unha vez finalizado o período transitorio 2021-2022. Para iso, contará con toda a colaboración da Xunta. Mostramos a nosa preocupación porque as medidas aprobadas polo Ministerio van supoñer, segundo os cálculos técnicos preliminares realizados pola Xunta, que os gandeiros e agricultores galegos perdan ao redor de 1,35 millóns de euros, é dicir, case un 2 % do que hoxe reciben como pago básico anual.

 

Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?

Espero que o brexit non teña unhas consecuencias moi negativas nas políticas europeas para o campo. Neste sentido, debemos poñer en valor o papel relevante que teñen os agricultores e gandeiros na produción sostible de alimentos sans e seguros, de primeira necesidade nalgúns casos, para o conxunto da poboación europea. Por tanto, o esforzo orzamentario ten que ser acorde ao esforzo que se fai desde o sector primario. O mesmo podería aplicarse á pandemia.

 

Unha reflexión para rematar. O sector produtor, gandeiro e agrario, demostrou neste último ano a súa relevancia para o país e abasteceu a sociedade de alimentos nos momentos máis difíciles, mesmo cando todos puidemos recoñecer a dependencia exterior que temos para outro tipo de necesidades. Non cre que á hora de lexislar este tipo de asuntos tan importantes para os gandeiros e agricultores, como a PAC ou o decreto dos xurros, entre outros, seguen sen consultarlles directamente as súas demandas?

Evidentemente, temos que escoitar e consultar os agricultores e gandeiros á hora de planificar políticas que lles afectan directamente. Eu teño que dicir que, no que a nós corresponde, estamos a facelo. Así, por exemplo, na definición da Estratexia de dinamización do sector lácteo, ademais de contar con todos os axentes da cadea de valor, levamos a cabo unha ampla enquisa entre os gandeiros, para escoitar as súas opinións e inquedanzas. Mantemos –e seguiremos mantendo– unha interlocución fluída e constante con todos eles, porque estamos convencidos de que son os verdadeiros protagonistas do desenvolvemento do noso rural.


SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“As emisións de gases de efecto invernadoiro atribuídas ao sector vacún están sobrevaloradas”

A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca na nova PAC e neste apartado xoga un papel importante a xestión das dexeccións gandeiras. Que alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios?

Desde o primeiro momento mostramos a nosa preocupación porque a proposta do Ministerio non ten en conta as particularidades de Galicia e das nosas explotacións, que poderían sufrir un prexuízo moi superior ao beneficio ambiental que se pretende. Por iso presentamos ata 22 alegacións ao texto, unhas achegas que, en liñas xerais, buscan flexibilizar as esixencias desta norma ás pequenas explotacións, tendo en conta diferentes factores. Entre eles, os condicionantes naturais de Galicia, tales como a orografía accidentada, a climatoloxía atlántica ou a existencia de numerosas canles fluviais. Tamén, tendo en conta a escasa base territorial da maioría das nosas explotacións, formada ademais por moitas parcelas de pequeno tamaño e a especialización do noso sector agrario na produción leiteira. A maiores, nese sentido quero lembrar que Galicia xa está a traballar nun proxecto de economía circular, que inclúe a xestión dos xurros excedentes das explotacións. Considero que este tipo de actuacións teñen que ser apoiadas por todas as administracións. Neste mesmo contexto, a nosa Estratexia de dinamización do sector lácteo incorpora tamén unha serie de medidas para impulsar accións de economía circular nas explotacións e máis concretamente para abordar a xestión e o correcto tratamento dos xurros. Por suposto, é preciso trasladar tamén que estamos a elaborar unha lei galega para a xestión integral das dexeccións gandeiras, co obxectivo de ordenar a súa produción, recollida, transporte e almacenamento. Así mesmo, trátase de establecer un sistema integral de xestión que garanta a trazabilidade ata o seu tratamento final, co fin de previr problemas ambientais que poidan derivarse dunha xestión inadecuada en zonas de elevada carga gandeira.

 

Máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Seguirán apostando polas prórrogas?

O sistema de canón xa está prohibido en Galicia para os beneficiarios da PAC desde 2018 e propomos unha aplicación gradual da prohibición de aplicar produtos mediante sistema de prato ou abano. Deberíase comezar polas explotacións de maior tamaño, que son as que máis volume de fertilizante xeran e, en consecuencia, contaminan máis, e acabar a adaptación coas pequenas, que disporían dun prazo de dous anos para facelo. Tamén debería terse en conta unha gradación segundo o tipo de explotacións (e por tanto, de residuos), empezando a aplicarse ás de porcino e finalizando polas de vacún. Ademais, debe terse en conta que os axentes do noso sector primario son os primeiros interesados nese modelo sostible e así o veñen demostrando xa coas súas prácticas produtivas.

 

Non cre necesarias outro tipo de medidas para que o sector se adapte o antes posible aos sistemas que se esixirán nun futuro próximo?

Por suposto, fai falta axudar aos agricultores e gandeiros a adaptarse. Nas nosas alegacións ao MAPA recollimos que o Estado debe garantir liñas de axudas aos investimentos que terán que afrontar para cumprir a norma, unhas achegas que permitan a súa viabilidade económica. Teñen que articularse medidas neste sentido, sen dúbida; pero, insisto, reclamamos que se teñan en conta as especiais condicións de Galicia para aplicar a normativa. Ademais, non somos o único territorio que o reclama.

 

Que opina de que esta normativa sexa unha lei única para todo o territorio nacional e non logre ter en conta as condicións orográficas ou meteorolóxicas de cada rexión?

En primeiro lugar, nós dicimos que este non é o mellor momento para aprobar unha norma destas características. Desde logo, non así. É preciso ter en conta as particularidades de Galicia e facilitar unha adaptación ás esixencias ambientais que veñen de Europa. Ademais, non é o momento adecuado porque, entre outras razóns, estamos nunha situación de certa indefinición da futura PAC e aínda non están validados os ecoesquemas propostos por Galicia, que deben servir de base para as pretensións do real decreto ministerial. Nesa liña van tamén as nosas alegacións. Nelas, poñemos de manifesto, precisamente, a necesidade de ter en conta as características de cada tipo de gandería, así como as particularidades de cada comunidade autónoma. Consideramos que as consecuencias do uso de fertilizantes orgánicos ou minerais son diferentes segundo diversos territorios, polo que non se debe establecer unha norma xeral que non teña en conta esas especificidades.

 

Tampouco diferencia entre os tipos de gandería intensiva e non se pode comparar a realidade do vacún leiteiro, con superficie agraria dispoñible para a aplicación dos xurros como fertilizantes, coa realidade doutro tipo de ganderías intensivas que non practican ningún tipo de agricultura. Como defenderá esta disxuntiva?

Efectivamente, nas nosas alegacións explicamos que as emisións de gases de efecto invernadoiro atribuídas ao sector vacún están sobrevaloradas. O real decreto parte de datos incorrectos para calcular estas emisións do sector de vacún de leite, xa que non aparece información sobre o tempo que pasan as vacas e a recría de leite en pastoreo. O pastoreo é unha das mellores técnicas para reducir as emisións de amoníaco. Estimamos que as emisións son aproximadamente un 30 % inferiores ás publicadas polo Ministerio para o vacún de leite.