Desde hoxe, 1 de febreiro, e ata o próximo 30 de abril, os produtores poden presentar a solicitude única de axudas directas da Política Agraria Común (PAC) para a campaña 2021, unha vez publicada a normativa comunitaria e nacional. O importe total destas axudas ascende a 4.860 millóns de euros, que se poderán abonar en forma de anticipos a partir do 16 de outubro e o saldo a partir do 1 de decembro.
Mediante a solicitude única, o produtor pode solicitar todas as axudas que lle poidan corresponder dunha soa vez. Debe presentarse ante a autoridade competente da comunidade autónoma na que radique a explotación ou a maior parte da súa superficie. En caso de non dispor de superficie física, a solicitude presentarase na comunidade autónoma na que se atope o maior número de animais.
Neste sentido, e do mesmo xeito que en 2020, fomentarase a presentación telemática das solicitudes para facilitar a súa tramitación, sobre todo tendo en conta as restricións de mobilidade existentes en cada territorio para facer fronte á covid-19.
O tipo de axudas directas que se poden solicitar recóllense no real decreto sobre a aplicación dos pagos directos á agricultura e a gandería, publicado en decembro de 2014 e modificado o 26 de xaneiro de 2021. Nesta norma establécense os requisitos necesarios para poder optar a cada axuda e a información mínima que debe conter a solicitude única.
Ademais, co real decreto aprobado en Consello de Ministros o pasado 26 de xaneiro asegúrase un marco estable para os agricultores e gandeiros españois, para que sigan recibindo as súas axudas da PAC durante os anos 2021 e 2022, sen cambiar as condicións de admisibilidade das mesmas respecto ao período 2014-2020.
Respecto ao réxime do pago básico, como en campañas anteriores, os agricultores poderán coñecer o valor dos seus dereitos de pago básico para a campaña 2021 a través da consulta pública creada para ese efecto na web do FEGA.
PROGRAMAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL, RESERVA NACIONAL E CESIÓNS DE DEREITOS
Tamén hoxe se abre o prazo de presentación das solicitudes de pago das medidas de desenvolvemento rural, incluídas no ámbito do sistema integrado de xestión e control (basicamente axudas por superficie e axudas gandeiras), a comunicación de cesión de dereitos de pago básico e a solicitude de dereitos para a Reserva Nacional de Pago Básico. Esta última está orientada fundamentalmente cara aos novos agricultores e cara a aqueles produtores que se incorporan á actividade agraria, e que contan cunha formación e capacitación adecuada no ámbito agrario.
Para facilitar a cumplimentación da solicitude única e tendo en conta que todos os solicitantes de axudas deben presentar a denominada "declaración gráfica", de acordo co Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), de todas as parcelas agrícolas da explotación, o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación pon a información necesaria a disposición dos solicitantes mediante o acceso ao SIGPAC, a través da súa páxina web (www.mapa.es), da web do FEGA (www.fega.es) ou das comunidades autónomas.
Así mesmo, na páxina web do FEGA publicaranse nos próximos días diversas notas técnicas con diferente información de interese público en relación coa campaña da PAC 2021.