Ash4Soil: unha solución innovadora para revalorizar puríns e mellorar solos ácidos

Ash4Soil: unha solución innovadora para revalorizar puríns e mellorar solos ácidos

En España, case o 40% dos solos presentan un pH ácido, o que limita significativamente o seu potencial produtivo. Para mellorar estes solos e optimizar o rendemento dos cultivos, é fundamental empregar materiais encalantes, xunto con fertilizantes que cubran as deficiencias de nutrientes como o nitróxeno, o fósforo e o potasio.

Para mitigar estes impactos e aproveitar os recursos locais, xorde unha proposta innovadora: utilizar subprodutos gandeiros e forestais, como as cinzas procedentes da queima de residuos forestais e os xurros gandeiros, para producir un enmendante-fertilizante que favoreza a mellora destes solos. Este proxecto, denominado Ash4Soil, busca transformar os residuos gandeiros nunha ferramenta de gran valor para mellorar a calidade do solo e, ao mesmo tempo, promover a economía circular.

É ben coñecida a problemática que xera a xestión do xurro nas explotacións gandeiras. Concretamente, no caso das explotacións de vacún, este residuo representa o 57% do total, o que provoca un enorme volume de xurros cada ano no conxunto do sector, moi custoso de xestionar. Sen unha correcta valorización, os xurros poden xerar importantes problemas ambientais, como a contaminación dos solos e acuíferos.

Unha das mellores técnicas dispoñibles para a xestión dos xurros pasa pola redución do seu volume, para o cal se empregan diferentes técnicas de secado, con aplicación ou non de enerxía. No proxecto Ash4Soil proponse a súa mestura cun material pulverulento como é a cinza, que aumentaría a súa sequidade e tamén o seu pH, para transformalo nun produto enmendante de aplicación directa sobre o solo agrario ou forestal. Isto suporía unha gran vantaxe para as explotacións gandeiras, ao facilitar as técnicas de manexo do residuo e fomentar a súa valorización como enmendante-fertilizante agrario, co conseguinte aforro en custos de tratamento de residuos e as vantaxes ambientais asociadas que isto proporcionaría.

Para a correcta valorización dos xurros, estase a traballar actualmente nunha caracterización físico-química mensual dos xurros procedentes de diferentes granxas, determinando a súa densidade, contido en auga e granulometría, entre outras características físicas, ademais do seu contido en nutrientes (NPK e materia orgánica). Con estas análises determínase o seu pH, densidade, condutividade eléctrica, materia seca, materia orgánica, N orgánico, N amoniacal, fósforo e potasio.

Con todo isto, estudaranse e interpretaranse os resultados obtidos, analizando as proporcións de nitróxeno como criterio para desenvolver un material fertilizante tanto para cultivos agrícolas como forestais.

Para acadar os ambiciosos obxectivos establecidos, cóntase cun equipo multidisciplinar coordinado pola FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega), no que participan como socios a empresa Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro S.L.U., como provedora de cinzas de orixe forestal; as explotacións gandeiras Sociedade Cooperativa A Carqueixa, Agrobarcenilla S.L. e Almacenes Boina S.L., como proveedoras de xurros, esterco de galiña e terreos agrícolas de ensaio; a empresa SELGA (Compañía Galega de Silvicultores S.L.), como provedora de terreos forestais de ensaio onde avaliar o produto; e a empresa ARESA (Álvaro Rodríguez Eiras S.L.), que achega circuítos comerciais xa establecidos entre todas as comunidades autónomas implicadas no proxecto (Galicia, Estremadura e Castela e León).

Así mesmo, a Universidade de Santiago de Compostela participa en Ash4Soil como membro subcontratado, a través do Grupo de Sistemas Silvopastorais, un dos oito grupos de investigación do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. Ademais das tarefas de coordinación dirixidas por María Rosa Mosquera-Losada, o grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais participa na formulación do produto enmendante-encalante Ash4Soil e a súa avaliación, validando os resultados obtidos ao longo de todo o proxecto.

Con esta iniciativa, o sector gandeiro non só poderá contribuír á sustentabilidade ambiental, senón tamén aproveitar os residuos como recursos, mellorando a competitividade do sector e xerando novos empregos verdes nas zonas rurais.

Proxecto de innovación enmarcado dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación destas axudas.
Orzamento total do proxecto: 600.000,00 €. Subvención total: 575.700,36 €.