O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), situado na provincia da Coruña, organiza o mércores 23 de abril un encontro con motivo dos 25 anos de ensaios de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia.
A xornada comezará arredor das 10:00 h co rexistro das persoas asistentes e a presentación a cargo de Martín Alemparte Vidal, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).
O primeiro realtorio será impartido por María Jesús Saínz, do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A continuación, Adela Martínez, do Principado de Asturias, abordará o relatorio titulado “O millo forraxeiro: unha oportunidade para mellorar o rendemento das explotacións agrogandeiras da cornixa cantábrica”.
Tras unha pausa para o café, será a quenda de María Isabel García Pomar, investigadora do Ciam, que aproveitará para ofrecer unha serie de recomendacións para a fertilización do millo.
Ás 12:45 h está previsto que tome a palabra María José Bande, investigadora do Ciam, para avaliar as variedades comerciais de millo forraxeiro que se estudaron nos últimos 25 anos en Galicia.
Para rematar o acto, terá lugar un foro de debate baixo o título "O millo cambiou á sociedade ou foi a sociedade a que cambiou ao millo?". Nel participarán relatores e asistentes, e estará moderado por José Manuel Gegúndez, director executivo de Vaca Pinta.
Para participar é necesario inscribirse a través do correo electrónico maria.jose.bande.castro@xunta.gal ou no teléfono 881 881 848.