CONAFE actualiza a base genética da raza frisona na súa avaliación de xuño de 2025

CONAFE actualiza a base genética da raza frisona na súa avaliación de xuño de 2025

A Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE) publicou os resultados das novas avaliacións xenéticas correspondentes a xuño de 2025, nas que destaca o cambio de base xenética: a partir de agora, as referencias pasan a ser as vacas nacidas en 2015. Este axuste implica unha revisión xeneralizada dos valores, cun descenso medio de -66,49 kg en produción de leite, -2,49 kg de graxa e -2,84 kg de proteína, reflexo do progreso xenético acadado pola poboación respecto ás nacidas en 2014.

A actualización acompáñase dunha revisión completa dos índices xenéticos, na que se cumpre o segundo ano de aplicación da nova escala do Índice Combinado Oficial (ICO) e das avaliacións de emisións de metano, así como da inclusión do efecto materno na facilidade de parto. Entre os valores máis destacados, o reconto de células somáticas mellora en +0,19 puntos e a velocidade de muxido en +0,08, mentres que os índices de saúde podal (ISP), eficiencia (ICU) e tipo (IGT) presentan lixeiros descensos debido ao cambio de base.

A poboación de referencia para avaliacións xenómicas ascende a 43.218 touros con proba de descendencia, cun total de 280.382 animais avaliados, dos cales 226.885 son femias españolas. Os 100 mellores touros probados acadan unha media de ICO de 1214 puntos, mentres que os mellores xenómicos superan os 1290.