Convocadas as axudas para as ADSG de Galicia

Convocadas as axudas para as ADSG de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2019-2020.

A Consellería do Medio Rural destina así un total de 2.145.000 euros a esta convocatoria que ten como finalidade mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais. Son axudas que  serven para abordar o control de patoloxías animais que non son obxecto de programas nacionais.

Os programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2019 e o 28 de febreiro de 2020 e os gastos subvencionables serán os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas. Ademais, ao abeiro destas achegas, poderanse organizar xornadas de formación para os gandeiros.

Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún. Así mesmo, deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo que teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir de mañá.

Convocatoria no DOG