O curso 'Granxa Intelixente' chega a Galicia en novembro

O curso 'Granxa Intelixente' chega a Galicia en novembro

EDIH DATAlife, un ecosistema europeo de innovación dixital, impulsa en Galicia a formación “Granxa Intelixente: solucións do internet das cousas (IoT) para monitorizar e mellorar a saúde, reprodución e produtividade animal e forraxeira”.

Este curso práctico pretende achegar a gandeiros, agricultores e técnicos as oportunidades que ofrece o IoT para optimizar os procesos, a eficiencia e a rendibilidade das explotacións agrogandeiras de Galicia.

A formación é de balde para as persoas asistentes, con prazas limitadas para a modalidade presencial, e desenvolverase os días 7, 14 e 21 de novembro en formato híbrido. A primeira sesión será presencial nas instalacións da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), en Santiago de Compostela. As dúas seguintes impartiranse en modalidade simultánea presencial e en liña.

José Carlos López Ardao, profesor da Universidade de Vigo, investigador do centro tecnolóxico atlanTTic e experto en redes de comunicación e IoT, será o encargado de impartir a docencia.

As persoas participantes coñecerán de maneira práctica o funcionamento das redes LoRaWAN, eficientes e de baixo custo, os tipos de sensores dispoñibles no mercado e as ferramentas para a recollida e visualización de datos.

Ao longo das sesións, presentaranse casos reais de aplicacións exitosas en gandarías galegas. Abordaranse temas como a monitorización de temperatura e humidade, o control da alimentación ou a detección temperá de enfermidades e celo.

As xornadas permitirán aprender a configurar sistemas de recollida de datos en tempo real sobre a saúde, o comportamento e as condicións ambientais do gando. O coñecemento adquirido proporcionará información crucial para tomar decisións informadas e mellorar a produtividade.

O curso enmárcase dentro do catálogo formativo do proxecto EDIH e é posible grazas á colaboración da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos - Centro de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (Anfaco-Cecopesca), Agaca e EDIH DATAlife.