CONGRESO MUNDIAL DE BUIATRÍA 2022

Dá comezo en Madrid o 31.º World Buiatrics Congress

Dá comezo en Madrid o 31.º World Buiatrics Congress

- Esta tarde tivo lugar no Palacio Municipal de Ifema Madrid a cerimonia de inauguración, na cal se fixo entrega dos premios outorgados pola Asociación Mundial de Buiatría (WAB).

- Con 3.003 veterinarios de 74 países inscritos, a trixésimo primeira edición do World Buiatrics Congress, cuxa organización correu a cargo da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España, bateu o anterior máximo de asistencia.

- Desde mañá e ata o xoves terán lugar as sesións técnicas, que abarcarán unha vintena de bloques temáticos nos que intervirán expertos chegados das mellores universidades e centros de investigación do planeta.

Hoxe celebrouse no auditorio do Palacio Municipal de Ifema Madrid o acto de inauguración do 31.º World Buiatrics Congress. No evento tomaron a palabra Joaquín Ranz, presidente do comité organizador do WBC; Émile Bouchard, presidente da WAB; Gumersindo de la Riera, presidente do comité científico do WBC, e Esperanza Orellana, directora Xeral de Producións e Mercados Agrarios.

Na súa intervención, o presidente de Anembe, Joaquín Ranz, subliñou que, a pesar da situación de pandemia que obrigou a atrasar ata en dúas ocasións a súa celebración, o comité organizador "nunca perdeu o rumbo" e que trataron de imbuírlle a esta reunión "o espírito dos congresos anuais que celebramos en Anembe". Amosar o nivel da buiatría española e lograr que sexa un congreso que pase á historia foron os dous factores que sinalou Ranz como obxectivos principais para este 31.º World Buiatrics Congress.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Mundial de Buiatría encomiou na súa quenda o esforzo da organización durante estes anos de preparación: "Fixeron fronte a moitos imprevistos e tivérono máis difícil que comités anteriores debido á situación sanitaria", sinalou Buchard. Así mesmo, deu a benvida a todos os asistentes: "Este é un congreso moi esperado, era un reencontro moi desexado tras a última edición, en Sapporo 2018".

A continuación, Gumersindo de la Riera, presidente do comité científico do WBC, presentou o labor que realiza Anembe, "pretendemos ser o nexo entre o ámbito académico e a práctica clínica diaria", e aludiu ao alto nivel técnico do congreso, cun programa cheo de contido e no que apostaron por reforzar o número de relatores por bloque: "Mentres que en congresos anteriores cada bloque temático tiña un orador, nesta edición decidimos traballar con dous presentadores estrela por temática".

Finalmente, a directora Xeral de Producións e Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, destacou na súa quenda que "a celebración deste congreso é unha evidencia de que o sector produtor ten neste país un gran presente e un indubidable futuro". Ademais, fixo especial fincapé na función que realizan os profesionais buiatras para o seu avance: "Sodes vós os que facedes que esta sexa unha actividade económica e social de primeira orde", afirmou Orellana.

ENTREGA DE PREMIOS DA WAB

Durante a xornada tamén se fixo entrega dos galardóns Premio do Presidente de WAB, Premio ao Logro do Benestar de Ruminantes, Fondo Conmemorativo Gustav Rosenberger e Programa de Bolsas BVDzero.

  • Premio do Presidente de WAB

O Premio do Presidente da WAB, dotado con 3.000 euros, recoñece a participación dun mozo veterinario (37 anos ou menos) que realice unha presentación no World Buriatrics Congress (oral ou póster).

O galardoado deste ano, Diego Noriega, estivo presente no acto e recibiu premio de mans de Émile Bouchard, presidente da WAB.

  • Fondo Conmemorativo Gustav Rosenberger

O Fondo Conmemorativo Gustav Rosenberger, que nesta última edición estivo patrocinado por Boehringer Ingelheim, outorga unha bolsa anual de 10.000 euros a un prometedor veterinario, preferiblemente dun país ou área con posibilidades subóptimas, para financiar a súa formación.

Theo Lamb, da Utrecht University, anunciou na cerimonia o nome do premiado: o veterinario canadense-nepalí Susan Pyakurel.

Durante a entrega, Gerald Behrens, de Boehringer Ingelheim, sinalou que a compañía aposta por apoiar este tipo de actividades "xa que temos a convicción de que contribuír ao avance do sector en áreas en desenvolvemento será clave para a correcta alimentación da súa poboación", afirmou.

  • Premio ao Logro do Benestar de Ruminantes

Patrocinado pola WAB e Boehringer Ingelheim, este galardón ten como obxectivo aumentar a conciencia pública sobre o importante papel que xogan os veterinarios na supervisión e mellora do benestar dos ruminantes.

Laurent Goby (Boehringer Ingelheim) fixo entrega dos galardóns aos dous premiados: Antoni Dalmau e Louise Adeline Marie Kremer.

  • Programa de Bolsas BVDzero

Así mesmo, Boehringer Ingelheim patrocina a Bolsa BVDzero, a cal consta de 1.000 euros para cada un dos estudantes seleccionados en todo mundo. Con esta iniciativa, que se implementa en colaboración coa Asociación Mundial de Buiatría, a empresa ten por obxectivo incrementar o coñecemento sobre a diarrea viral bovina (BVD) entre os estudantes de veterinaria.

Os cinco estudantes bolseiros que estiveron presentes para recibir o galardón foron Amy Birch (Australia), Bruna Mendes (Brasil), Jessie Hesseling (Países Baixos), Samuell Kalis (Estados Unidos) e William Philips (Reino Unido).

  • Bolsas para mozos buiatras

Como engadido, nesta edición, co fin de fomentar o interese pola buiatría entre os futuros veterinarios e veterinarias, Anembe e a WAB outorgaron un total de 30 bolsas a estudantes de veterinaria de todo o mundo para financiar a súa asistencia ao 31.º WBC.

ANEMBE, ORGANIZADORA DO 31.º WORLD BUIATRICS CONGRESS

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), que reúne a 1.400 veterinarios especialistas en gando bovino, foi a encargada de organizar o 31.º Congreso Mundial de Buiatría [World Buiatrics Congress (WBC)] por delegación da Asociación Mundial de Buiatría (WAB), composta por 53 asociacións profesionais de todo o mundo, con máis de 50.000 asociados que desenvolven a súa actividade no ámbito da buiatría, a veterinaria especializada en rumiantes de produción.

Esta edición, que comeza mañá coas sesións técnicas, conseguiu bater os máximos de asistencia previos, con 3.003 congresistas inscritos de máis de 74 países, máis dun 20 % da cifra rexistrada na máis concorrida, que foi a celebrada en Dublín en 2016, cuns 2.300 participantes.  

Lembramos que a última edición do WBC tivo lugar en Sapporo (Xapón) en 2018 e que a cidade mexicana de Cancún será a que tome as rendas en 2024.