O hotel Oca Puerta del Camino, de Santiago de Compostela, acolleu a celebración do XIV Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac).
O evento converteuse nunha cita imprescindible no calendario agroalimentario de Galicia, cunha edición moi especial para conmemorar o 20º aniversario do sistema Galis, que foi fundamental para a trazabilidade e control da calidade dos produtos no ámbito agroalimentario galego. Este aniversario marca un importante fito para o sector, consolidando a Galicia como un referente en termos de innovación, sustentabilidade e calidade na produción de alimentos.
Un dos momentos máis especiais foi a entrega da Medalla ao Mérito de Agafac a Daniel Ferreiro Otero, ex director xeral de AIRA SCG, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento do sector, quen recolleu o galardón con grande emotividade e moi agradecido. “Gocei moito destes 20 anos por todo o que aprendín. Dende o primeiro momento entendín que a xente que formaba parte de Agafac e de Galis era capaz de harmonizar o interese xeral do sector”, expresou.