Dispoñibles as listaxes de beneficiarios das axudas directas da PAC 2019

Dispoñibles as listaxes de beneficiarios das axudas directas da PAC 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se notifican os pagamentos directos á agricultura e gandaría regulados na convocatoria de 2019 das axudas da PAC. Así, un total de 26.000 agricultores e gandeiros galegos recibiron un montante global de 170 millóns de euros por este concepto.

Cómpre sinalar que estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), son de gran interese para o sector primario, xa que contribúen a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana. Deste xeito, perseguen compensar aos agricultores e gandeiros pola súa prestación de servizos esenciais, co obxectivo de que poidan competir con outros países ao tempo que atenden ás esixencias específicas dos consumidores e consumidoras europeos.

Na web do Fogga poden consultarse xa as listaxes de concesión e denegación das diversas liñas de axuda, cos datos dos beneficiarios e as achegas concedidas e, no caso de desestimación, coa exposición dos motivos para a ausencia de subvención.

A maiores, cómpre sinalar que os interesados poderán descargar a aplicación móbil Sga@pp para consultar as resolucións completas das solicitudes.