A familia Viñolas continúa á fronte da explotación láctea que iniciaron os seus antepasados hai máis de 150 anos, adaptándose ás novas demandas do mercado, ás esixencias medio ambientais e ás novas tecnoloxías e abríndolle as súas portas a todo aquel que queira coñecer como é a produción de leite de principio a fin. En Vaca Pinta 38.
Localización: Salitja (Xirona)
N.º total de animais: 1.600
Vacas en muxidura: 650
Media de produción: 40,2 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,85 %
Porcentaxe de proteína: 3,45 %
RCS: 180.000 cél./ml
Venda do leite: ATO e transformación propia
A granxa Mas Bes, con 650 frisonas en muxidura, é a orixe de todos os proxectos que foron desenvolvendo nestes últimos anos os membros da familia Viñolas, formada por Joan e Nuria, os seus sete fillos e un dos seus xenros.
Precisamente, a paulatina incorporación dos seus fillos ao negocio fixo que se desen conta de que “a rendibilidade era xusta –di o gandeiro–“ e que iniciasen a expansión do negocio cara a diversas vías.
A aposta por un obradoiro onde transformar o seu propio leite en distintos produtos, a creación dunha tenda de produtos de proximidade nas inmediacións da granxa, a compra de varias casas e a súa posta en marcha para turismo rural, a adecuación de varios salóns para reunións e comidas, a apertura da súa granxa a visitas de escolares e excursións e a fundación do seu museo sobre a historia da agricultura e da gandería conforman o que eles chaman o Centro de Interpretación do Leite, todo un conxunto de experiencias a través das cales poder coñecer de primeira man como se produce o leite, como se transforma, e poder degustalo case in situ.
A MASÍA
Os bisavós de Joan Viñolas compraron a masía hai uns 150 anos, en 1870, e “establecéronse aquí con dúas vacas”, apunta o gandeiro. Nesa época, os animais servían para traballar o campo e para producir un pouco de leite para os xatos e para a familia.
Pasados os anos, na década entre 1940 e 1950, comezaron a abrirse na zona as primeiras industrias leiteiras e “as casas –conta– comezaron a producir leite para a venda, polo que foron aumentando o número de vacas”. Tanto é así, que os seus pais construíron unha cuadra para 14 vacas.
“Polo ano 1964 recibimos as primeiras doses de seme conxelado dos EE. UU. e daquela xenética provén a nosa árbore xenealóxica, uns 11.000 animais”, asegura.
O negocio continuou crecendo aos poucos e en 1979 aconteceu outro gran cambio. Segundo di: “O cambio máis radical da granxa, creo. O 2 de agosto dese ano pasamos as vacas da cuadra á estabulación libre. Foi unha das cousas que máis ilusión me fixo nunca, ese día estaba moi contento. Ver as vacas libres, comían cando querían e ían soas á sala de muxido paralela de 4 puntos. Xa non había que muxilas alí agachado. Foi un cambio moi radical”.
A granxa foi evolucionando en todos estes anos e na actualidade xa moxen 650 vacas.
VENDA, TRANSFORMACIÓN E TENDA PROPIA
Cunha produción duns 40,2 litros por vaca e día, forman parte desde 2008 do grupo ATO xunto a outras seis ganderías máis de Cataluña, cinco da provincia de Xirona e outra de Lleida. “Producimos todo o leite para esta industria e, como estamos a producir máis do que vende ATO, transformamos nós mesmos outra pequena parte e o resto vendémolo a outros lugares”, recoñece Joan.
No seu obradoiro preparan coa súa propia materia leite fresco e varios elaborados con produtos da agricultura do territorio: iogures, requeixo, xeados de varios sabores, canelóns, pasteis de queixo e unha crema de abelás e chocolate.
Todo iso, xunto ás carnes de angus, provenientes dos xatos de engorde que crían tamén na granxa; a un licor de ratafía, típico de Cataluña, que elaboran e leva o nome dun dos seus netos, e a outros moitos produtos de proximidade, véndeno na tenda que acondicionaron case á entrada das súas instalacións, á que entran visitantes e turistas alleos totalmente á gandería e veciños da zona que xa aprecian os seus produtos.
GRANXA ABERTA A VISITAS
Dentro do recinto de Mas Bes, Joan Viñolas e a súa familia acondicionaron un espazo para as visitas. “Adoitan vir excursións de colexios, tamén estudantes máis adultos, familias ou turistas que queren ver como é a produción nunha gandería coma a nosa”, comenta.
Por unha banda, nesta zona teñen varios boxes colectivos para diferentes animais, como ovellas, cabras, galiñas ou burros, “chamámola “o toca-toca”, porque os visitantes poden darlles de comer, tocalos e interactuar con eles”. Noutra parte, realizan un obradoiro de millo para que “se poida entender todo o proceso de debullar o millo e facer a fariña”.
Por outra, pintaron en toda unha parede do espazo un mural, titulado “Do campo á mesa”, a través do cal explican “todo o camiño que se debe percorrer para beber un vaso de leite”.
Ademais, para todas as persoas que os van visitar, ofrecen a posibilidade de quedar a comer nuns salóns que acondicionaron para eventos e reunións. “Tamén os utilizamos para empresas que queren vir facer convencións ou presentacións dos seus produtos ou servizos”, indica.
TURISMO RURAL
Tamén rehabilitaron catro casas para turismo rural e teñen xusto diante da porta de Mas Bes un aparcadoiro acondicionado para autocaravanas, con cargadores para coches, cuxa enerxía xera a planta de biogás que construíron para a xestión dos xurros. Viñolas bromea: “Sempre lle digo á xente que nos vén visitar que cargan os seus coches coa merda das vacas”.
Mesmo á beira da sala de muxido contan cunha maqueta da granxa dun tamaño importante con todo luxo de detalles, toda unha atracción para pequenos e grandes.
Finalmente, noutra instalación, pódese visitar o museo dedicado ao mundo da agricultura e a gandería, no que atesouran miles de pezas antigas de toda a historia da profesión, coleccións dedicadas ao sector lácteo, como leiteiras, muxidoras, apeiros… e tamén a outros oficios do campo ligados inevitablemente á produción de leite.
OS GANDEIROS, XESTORES DO MEDIO
Joan Viñolas acepta con ilusión que algúns dos seus fillos quixesen incorporarse ao seu proxecto de vida: “Aínda que non estudasen o que quería, porque eu sempre lles dicía que fixesen Veterinaria ou Enxeñería Agrónoma, volveron á granxa e isto é para min un grande orgullo, porque, que a túa familia dea continuidade ao que ti creaches con paixón, che dá moita alegría”.
Aínda así, recoñece que o sector cambiou moito con respecto á súa mocidade. “Cando tiñamos poucas vacas, as tarefas facíanse tranquilamente, con moita máis pausa. Agora –pensa– esta paixón continuámola tendo, pero as cousas complicáronse moito”.
Demanda, sobre todo, máis facilidades de xestión administrativa. “A moitos gandeiros danlles ganas de pechar a explotación pola cantidade de ficheiros que nos obrigan a ter”, indica.
Cre que “as administracións deberían ir solucionando este tema e facer máis fácil a vida dos gandeiros, sen ter tantas trabas para todo” e que resulta cada día máis imprescindible facerlle ver á sociedade a realidade da produción de leite.
Augura un futuro para o sector gandeiro e agrícola incerto, porque “é importante eliminar todas estas barreiras burocráticas e que o consumidor entenda a xestión do produtor, pois segue sen verse o gran labor que hai detrás da compra dun litro de leite ou dun quilo de carne”, matiza.
Para Viñolas, o feito de que o consumidor valore todo iso é moi relevante, sobre todo cando os sinalan como responsables de moitos danos ao medio ambiente: “Somos xestores impresionantes da natureza, porque sen agricultores e sen gandeiros non teriamos a contorna e a paisaxe que temos. Se facemos as cousas ordenadas e ben, como no case o 100 % dos casos, estamos a coidar inmensamente o medio”.
Ante estas ameazas, aconsella igualmente os seus fillos e os mozos que se queiran dedicar ao campo: “Se lles gusta o mundo das vacas e queren continuar, con ilusión e paixón chegarase moi lonxe”.
RABAÑO E MANEXO
Na actualidade, Mas Bes suma un rabaño de 1.600 cabezas, 650 vacas en muxidura, entre 60 e 80 secas, 880 animais en recría e uns 270 xatos de engorde. Da familia Viñolas traballan na granxa e nas súas liñas de diversificación 8 membros e danlles emprego a uns 17 empregados.
Para as produtoras diferencian cinco patios nun total de 10.000 m²: posparto, alta produción, inseminacións, diagnósticos e preñeces avanzadas. Os lotes de posparto e de preparto están en cama quente con base en serraduras e os demais son cubículos. Outro patio dedícano ás secas e a recría permanece noutros 7 ou 8 lotes, duns 3.000 m², con cama quente.
Segundo indica “buscamos que os animais teñan unha boa cama e unha boa ventilación e comida suficiente en todo momento”. Tamén lles dan moita importancia aos protocolos de vacinación para evitar infeccións e que todos crezan a bo ritmo.
Desde 2014, as sete granxas catalás que producen leite para ATO posúen a certificación Aenor de benestar animal, entre elas, por suposto, Mas Bes.
“Os comedeiros están deseñados para que os animais poidan saír e entrar con facilidade e a auga dos bebedoiros está tratada con peróxidos”, sinala.
Por unha banda, labran co tractor cada día as camas quentes dos lotes de preparto e posparto e cada dúas semanas eliminan a metade do grosor. Por outra, os cubículos das vacas son enchidos con compost resultante da planta de biogás. “Antes da súa aplicación está cinco días nun pasteurizador, no que se alcanzan os 75 graos para eliminar a flora anaerobia e mesófila, que é a principal causante das mastites. Raiamos todos os días os cubículos cunha especie de peite axustado á pa do tractor e dúas veces por semana engadimos unha capa de carbonato de calcio para desecar”, explica.
O estrés por calor é outro dos puntos clave que teñen en conta para manter os seus animais co maior confort. Tanto é así, que as vacas de preparto e produción contan con ventiladores e duchas que se acenden e apagan en función do índice de temperatura e humidade (THI). Compara como “en 2017 só tiñan este sistema para 200 vacas e ese verán sufriron 15 abortos de vacas reconfirmadas. Ao longo de 2018 e 2019 colocamos os ventiladores restantes e actualmente temos menos dun 1 % de abortos na granxa”.
A maiores, durante os últimos 10 anos foron instalando cepillos rascadores, un por cada 100 vacas: “Encántanlles, vémolas limpas e co pelo brillante. A menos sucidade, menos infeccións”.
Para a limpeza das naves, teñen arrobadeiras automáticas que funcionan cada dúas ou tres horas, así “mantéñense os corredores limpos e as vacas non se ensucian tanto”.
PLANTA DE BIOGÁS E PLACAS SOLARES
A súa aposta polas enerxías renovables comezou hai uns 10 anos, cando empezaron a valorar a posibilidade de instalar unha planta de biogás coa que xestionar e aproveitar o esterco das vacas.
Construíuse ao longo do ano 2011 e foi inaugurada en 2012. “A planta está formada por dúas balsas de recepción de subprodutos de alimentación, unha balsa de mestura cos xurros da granxa, dous dixestores de 2 millóns de litros e dous motores de combustión do metano para a produción de electricidade”, describe o gandeiro.
A planta fermenta o xurro e obtén enerxía eléctrica do metano producido. Tras esta fermentación conducen os restos ao separador de sólidos, a fracción sólida convértese en compost, para as camas, e a parte líquida utilízana como fertilizante para os seus campos.
O ano pasado instalaron a liña de autoconsumo da granxa coa electricidade da planta de biogás e tamén aproveitan a calor que xera o motor para prequentar a auga que se utiliza para a limpeza da sala de muxido, os tanques e a auga quente sanitaria.
O último investimento neste sentido foi a instalación hai dous anos de paneis solares nun dos tellados das naves cunha capacidade de produción duns 100 kW/hora.
TRES MUXIDOS EN SALA
Están a realizar tres quendas de muxido “ás catro da mañá, ás doce do mediodía e ás sete e media da tarde” nunha sala de 32 puntos, 16 de cada lado, con retirada automática e saída rápida.
A esta tarefa dedícanse dúas persoas. “Unha encárgase de ir buscar os animais e de muxir as primeiras 8 vacas de cada lado e a outra, das seguintes 8. Ao finalizar o muxido límpase con auga a presión tanto a sala de muxido como a sala de espera”, detalla.
Na súa rutina, pasan sempre primeiro as vacas de posparto e “durante esta primeira media hora hai 3 ou 4 persoas na sala para separar os costros e axudar a entrar ás xovencas acabadas de parir. Despois, quedan só 2 persoas e outra quenta o costro para dárllelo aos xatos”, puntualiza Viñolas.
A maiores, levan un ano apostando polo secado selectivo. Realízanlle un test de California a todas as vacas que superan as 400.000 células somáticas por mililitro, identifican os cuarteiróns infectados e aplican o tratamento unicamente onde é necesario. “O selado dos tetos realizámolo cun tapón de bismuto, sempre os mércores media hora antes do muxido do mediodía e estamos varias persoas para asegurar que o secado se leva a cabo de maneira hixiénica e sen estrés”, subliña o gandeiro.
Para a xestión dos datos, a sala de muxido está conectada co programa correspondente e os animais están identificados con colares. Tamén levan podómetros para a análise reprodutiva.
Están a lograr unha media de produción de 40,2 litros por vaca e día, cunhas porcentaxes de 3,85 % de graxa e 3,45 % de proteína. O reconto de células somáticas mantéñeno nunhas 180.000 cél./ml.
O MENÚ DAS SÚAS FRISONAS
Preparan seis unifeeds ao día, catro deles para produción, un deles para secas e outro para a recría.
Entre as vacas de produción diferencian dous grupos, as de alta produción –lote de posparto, alta produción, inseminacións– e as de baixa –lotes de diagnósticos e preñeces avanzadas. A ración de baixa componse de 17 kg de silo de millo, 8 kg de fariña de millo, 7,2 kg de silo de sorgo, 6,8 kg de silo de raigrás, 6 kg de herba verde, 5,5 kg de bagazo de cervexa, 3,2 kg de soia, 1,8 kg de colza, 1,5 kg de minerais e 1,2 kg de palla. “Á ración de alta produción engadímoslle 1,9 kg dun núcleo de soia, millo e liño para axudar as vacas a producir leite no posparto, dámoslles enerxía para a súa produción, para fomentar a súa saúde ovárica e evitar quistes e para prepararse mellor para a súa seguinte inseminación”, detalla tras comezar a dalo só en posparto e introducilo, despois dos bos resultados, á metade do rabaño. “Quitámosllelo –engade– cando as vacas se diagnostican de preñez ou baixan moito a súa produción a máis de 150 días en leite”.
Ás vacas secas e ás xovencas preñadas desde os sete meses danlles outra mestura de 12 kg de silo de raigrás, 5 kg de palla, 1,5 kg de colza e 1,4 kg de fariña de millo. Alimentan as xovencas, desde os 8 meses ata os dous meses antes do parto cunha ración composta por 7 kg de silo de raigrás, 3 kg de palla, 1,2 kg de colza e 1 kg de fariña de millo.
Os acabados de nacer están en boxes individuais e, logo, pasan a grupos de 4 ou 5 ata a desteta. “Os tres primeiros días toman o costro da súa nai, 3 tomas de 3 litros ao día, e, a partir de aí, beben 7 litros de leite en po entre mañá e tarde. Nas casetas grupais teñen palla e cereal, para que se familiaricen coa alimentación sólida”, enumera. Ás oito semanas pasan a unha toma e ás 10 semanas quítaselles o leite.
Unha vez destetados, vanos cambiando de lote en función da idade: 3-5 meses, 5-7 meses, 8-10 meses e, finalmente, entran nos patios de xovencas para empezar a inseminar con 14 meses de idade se a condición corporal é suficiente.
CULTIVOS: RAIGRÁS, MILLO, SORGO E ALFALFA
Xestionan un total de 450 ha, 100 ha en propiedade e o resto de alugamento, que destinan á produción de forraxes para os animais. Ademais, teñen en vigor contratos noutras 500 ha de agricultores da zona, que non teñen gando, para cumprir co plan de dexeccións da granxa e da planta de biogás.
Plantan, para ensilar, raigrás inglés e italiano, millo naquelas fincas onde poden regar e sorgo nas de secaño. Os campos de millo utilízanos no inverno para as forraxes de primavera e cada certo tempo fan rotación con alfalfa, un cultivo que dura uns 4 ou 5 anos.
Calcularon que o custo da alimentación das vacas en lactación supón o 40 % dos ingresos polo leite producido: “O menú diario da ración de produción cústanos 9,5 euros”.
Para optimizar este custo levan a cabo dúas estratexias. Por unha banda, utilizan herba fresca nos unifeeds porque aseguran que “6 kg de verde equivalen a 2,5 kg de ensilado” e así aforran os custos derivados do ensilado e do almacenamento; pola outra, utilizan colza para diminuír a cantidade de soia na ración.
A SÚA XESTIÓN REPRODUTIVA
En canto á xestión reprodutiva, están a conseguir 2,1 inseminacións por preñez de media para vacas, un intervalo entre partos de entre 390 e 410 días e unha media de 2,22 partos por animal.
Descubriron que moitas das súas frisonas chegaban aos 7 meses de preñez antes dos 300 días en leite con producións superiores aos 35 litros ao día e eses datos fixéronlles pensar que “se podían mellorar as cifras de produción por lactación e evitar problemas con secados en vacas moi produtoras”, di.
Coa boa detección de celos actual, empezaron a anotar os celos das vacas sen inseminar cando non chegaran ao pico de lactación e a inseminar cando a produción media semanal descendese 5 litros do seu pico de lactación. Así, desde 2017, conseguiron pasar de 3,5 doses por vaca preñada a 2,1.
En xovencas, non inseminan ningunha ata que o colar indica un celo de calidade e manteñen unha media de 1,45 doses por xovenca preñada. “As xovencas con celos malos insemínanse con angus para evitar que nazan machos frisóns que dean problemas no parto”, apunta.
O intervalo entre partos téñeno estabilizado entre os 390 e os 410 días, pois buscan “unha tarifa plana de partos na granxa de entre 50-70 partos ao mes”. A fertilidade das súas vacas non descende do 30 % no verán e chega ao 41 % no inverno e a das súas xovencas sostense regular entre o 55 e o 60 % ao longo de todo o ano.
A día de hoxe a súa media de partos por vaca é de 2,22, posto que teñen unha alta taxa de reposición ao non poder muxir máis de 670 vacas pola saturación dos establos. “Agora mesmo temos unha maior taxa de eliminación, porque –concreta– queremos conseguir un rabaño máis produtor e máis novo”.
TOUROS CON BOS SÓLIDOS, FACILIDADE DE PARTO E LONXEVIDADE
Todas as frisonas que residen hoxe en Mas Bes parten unicamente de catro vacas que compraron os pais e avós de Joan Viñolas nos anos 40. “Non compramos ningunha máis, a árbore xenealóxica completa da granxa ten aí a súa orixe e imos axustándolle a cada animal o mellor touro”, confirma.
Buscan sementais que axuden a diminuír as células somáticas, melloren os sólidos en leite, transmitan boa facilidade de parto e boa lonxitude de tetos. Tamén priorizan parámetros como boas patas e maior lonxevidade. Inseminan as xovencas con seme sexado os tres primeiros servizos e, logo, angus se fixese falta. Manteñen este mesmo criterio para as vacas de primeira e segunda lactación, salvo que o seu índice xenético ou a súa produción recomende utilizar angus directamente. Para as vacas adultas xa se utiliza seme convencional os tres primeiros intentos e, despois, angus. “Un 30 % das vacas adultas e de menor produción xa se inseminan directamente con angus, aquelas das que non queremos gardar descendencia”, concreta.
A maioría dos touros, de orixe americana, canadense ou mesmo francesa, son xenómicos A2A2, aínda que tamén seguen utilizando touros que non cumpran estes requisitos se as súas probas saen boas e as vacas preñan ben, como é o caso de Alphabet ou Pursuit.
Lembran algúns con fillas especiais como Jarmon, Euclid, Rubicon ou Pepsi RF. Este ano empezaron a utilizar touros polled para non ter que descornar as xatas.
A media ICO da explotación é de 3.528 puntos e a súa última cualificación mantívose nos 80 puntos de media.
OS SEUS PIARES: CARIÑO, DEDICACIÓN E EFICACIA
Tras máis de 150 anos de historia, nesta gandería catalá consideran que os piares fundamentais deben manterse en “seguir crendo no traballo ben feito, con agarimo, dedicación e ilusión, o bo coidado dos animais e a procura da maior eficacia posible”.
Joan Viñolas engade que se debe apostar por un bo ambiente de traballo na familia e cos traballadores da granxa e que os seus últimos pasos, desde que desenvolveron tanto a diversificación do seu proxecto, se están a centrar en darse a coñecer e divulgar a faena que fai o sector primario en canto á produción de alimentos, especialmente no seu caso, na produción de leite e de carne de alta calidade para o consumidor.