Dúas novas edicións da Escola de Xóvenes Preparadores en Mouriscade este verán

Dúas novas edicións da Escola de Xóvenes Preparadores en Mouriscade este verán

A Federación Frisona Galega (Fefriga), en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros, organiza dúas novas edicións da Escola Iniciación de Futur@s Gandeir@s este verán na finca Mouriscade de Lalín (Pontevedra). A primeira quenda será do 28 de xullo ao 1 de agosto e a segunda do 18 ao 22 de agosto. A iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 8 e 25 anos interesados en iniciarse no mundo da gandaría.

O prazo de inscrición estará aberto dende este mércores, 2 de xullo, ata o xoves 10 de xullo. Debido ao número limitado de prazas (30 por quenda), recoméndase realizar a reserva canto antes. A matrícula ten un custo de 330 euros, que inclúe aloxamento, pensión completa, material formativo, seguro, expedición de diploma e gastos de organización. Os socios do Clube de Xóvenes Gandeiros contan cun desconto do 30 %.

Como novidade este ano, a organización pon a disposición dos participantes 2 packs de material (quen desexe adquirir un dos packs deberá consultalo antes de inscribirse). O pack 1 (corda de cuadra, peine e máquina pequena) ten un prezo de 170 euros e o pack 2 (corda de cuadra, peine, máquina grande, máquina pequena e secador), de 620 euros.

Para formalizar a inscrición, é imprescindible achegar o boletín cuberto xunto co xustificante de pago na conta da Federación Frisona Galega, indicando como concepto o nome do participante. As prazas serán asignadas segundo a orde de inscrición e tendo en conta a idade e coñecementos previos, co obxectivo de garantir unha experiencia adaptada e enriquecedora para todos os asistentes.