O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, coa colaboración do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias (Ribadeo), convoca un curso de elaboración de queixos do 10 ao 12 de marzo. Nesta edición participan 15 estudantes do Ciclo Formativo de Grao Medio de Produción Agropecuaria.
Con esta acción formativa preténdese que adquiran os coñecementos básicos sobre os procesos de transformación do leite en derivados lácteos de amplo consumo: distintos tipos de queixo e iogures.
Durante o tres días, os asistentes terán a oportunidade de experimentar e aprender a elaborar queixos das denominacións Arzúa-Ulloa, Tetilla, Burgos, Requeixo e iogures, baixo a dirección de José López Fernández, docente do CFEA Pedro Murias.
As actividades da queixería realizaranse polas mañás, mentres que polas tardes estarán dedicadas ao estudo de iniciativas agropecuarias innovadoras na zona: produción de leite na modalidade ecolóxica en Tapia de Casariego, Centro de Alimentación de Vacún Irmandiños (hoxe integrado en Clun), e a gandería Mantoño Holstein, unha granxa especializada en xenética.
Por outra banda, no programa tamén se contemplan coloquios e encontros con profesionais e mozos emprendedores. Javier Barcía Galo, director de Relacións Institucionais de CLUN disertará cos estudantes sobre xestión cooperativa. Pola súa banda, José Cuadrado, presidente da Cooperativa Terras da Mariña, explicará a xestión do cultivo da Faba de Lourenzá e os procesos de envasado e comercialización baixo a modalidade cooperativa. E por último estará Juanjo Fraga, administrador da gandaría Casa Barbeiro, entidade que conta con sedes en Arante (Ribadeo) e en Alfoz, cun rabaño que rolda as 700 cabezas e co obxectivo de producir uns 6 millóns de litros neste ano.
En canto aos mozos emprendedores, participarán tres antigos alumnos de Fonteboa que están a iniciar a súa singradura profesional na comarca da Mariña: Mario Neto (vacas de carne da raza Asturiana dos Vales con transformación e venda directa), David Fernández (especialización na produción de leite) e Antonio Gómez (produción de carne, porcino e fabas).
Coas visitas, coloquios con profesionais e intercambio con mozos emprendedores preténdese analizar o variado panorama que ofrece o rural para xerar actividade económica e, en consecuencia, sostibilidade, non só económica senón tamén ambiental e social.
Normalmente a estes cursos asisten estudantes e profesionais, pero nesta ocasión, polas circunstancias provocadas pola covid-19, participarán só alumnos.
Para finais de maio, está convocado un novo curso cun formato similar.