A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) leva anos celebrando o Día Internacional do Leite en horario de mañá coa mocidade dos centros escolares de Lugo. Este ano, ao coincidir co décimo aniversario das instalacións da APLTA de Montirón, organizan ademais unha xornada de portas abertas con varias actividades para a cidadanía de Lugo.
O evento, que comezará ás 17:00 horas do día 30 de maio, iniciarase cunha visita guiada polas instalacións, na que as persoas asistentes poderán ver produtos desenvolvidos no centro que lles resultarán familiares por ser habitual a súa presenza nos supermercados.
Seguidamente, haberá unha mesa redonda titulada "Innovación: da orixe á internacionalización", na que participarán Sergio Martínez, de Innolact-Quescrem; Jesús García, de Grupo Lence, e Ana Vázquez, de Airas Moniz. Nela falarase sobre o traballo levado a cabo por estas empresas lucenses coa APLTA e sobre como conseguiron que os seus produtos chegasen a todo o mundo. Tamén se poñerá de relevo como a innovación pode ser un aspecto diferencial para poñer en valor unha zona xeográfica con necesidades de desenvolvemento e creación de emprego.
A continuación, ofrecerase unha degustación comentada de queixos das empresas e queixerías que colaboraron coa APLTA durante esta década: Airas Moniz, Quescrem, Casa Donicio, Lácteos Ribeira Sacra, Central Lechera Gallega, Queixería da Josefa e Lactalis. Viños DO Ribeira Sacra da adega Finca Míllara e de Adegas e Viñedos Lareu acompañarán a degustación.
Para asistir é necesario inscribirse previamente escribindo ao correo comunicacion@aplta.es ou chamando ao teléfono 647 344 098 (tamén se pode facer por WhatsApp). As prazas son limitadas.