“Este é un recoñecemento ao traballo de moitos anos a prol da calidade e no seo dun centro que se atopa en constante revisión”. Con estas verbas definía este mércores 4 o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, a concesión do Selo de Excelencia co que a Xunta de Galicia acaba de recoñecer o grao en Veterinaria. Esta titulación do Campus de Lugo convértese, deste xeito, na primeira da USC en recibir esta distinción que contribúe a sensibilizar a comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse ás transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento.
Tal e como explicou o decano, a inxección económica que implica o Selo permitirá que o centro avance en aspectos como os modelos de simulación para habilidades clínicas, elemento indispensable, por exemplo, para acadar a acreditación europea que Veterinaria está a piques de renovar. “Todo está encadeado”, sinalou en referencia a como esta distinción repercutirá de xeito positivo noutros procesos que redunden, á súa vez, no recoñecemento da calidade da Facultade.
Neste senso, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, subliñou que a concesión contribuirá a incrementar o valor dunha titulación “que leva demostrando dende a súa posta en marcha nos anos 80 unha calidade indiscutible non só no contexto do SUG, senón tamén a nivel estatal e internacional”. O reitor Antonio López Díaz presidiu o acto de entrega do Selo que tivo lugar na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria e no que tamén interveu o conselleiro de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.