O Premio Syva consolida o seu prestixio cunha edición récord e a exposición de estudos de alto impacto

A 28.ª edición do Premio Syva Internacional marcou un fito na súa historia con 32 traballos presentados –a cifra máis elevada ata a data– e unha crecente internacionalización. A tese gañadora foi a titulada “Microepidemioloxía da infección polo virus PRRS en granxas endémicas vacinadas”, da doutora Hepzibar Clilverd, da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB). Máis en Vaca Pinta 52.

O Parque Tecnolóxico de León, sede central de Syva, acolleu o acto de entrega do Premio Syva 2025 o 25 de abril. Tras un rigoroso proceso de avaliación, o tribunal outorgou o primeiro premio, dotado con 18.000 euros, á doutora Clilverd, polo seu estudo sobre o virus do PRRS en explotacións porcinas endémicas e vacinadas.

O Premio Valentín Pérez Pérez, accésit dotado con 3.500 euros, foille concedido ao doutor Luis Monzón, da Universidade das Palmas de Gran Canaria, pola súa investigación sobre a aplicabilidade dun probiótico en acuicultura. Por último, o Premio Agnès Sjöberg, accésit tamén dotado con 3.500 euros, recaeu na doutora Sara Tomaiuolo, da Universidade de Gante, polo seu traballo sobre a bacteria intracelular Coxiella burnetii, causante da febre Q.

No evento interveu, en primeiro lugar, o doutor César Carnicer, director xeral de Syva, que lles deu a benvida aos asistentes e felicitou os premiados. A continuación, tomou a palabra a doutora Luisa de Arriba, secretaria do tribunal, que afirmou que houbo consenso sobre cales foron as mellores teses da edición.

Posteriormente, cada un dos tres premiados expuxo un resumo do seu traballo. A reitora da Universidade de León, Nuria González, falou en último lugar e clausurou o acto: “Grazas á investigación, somos capaces –e vímolo nestes exemplos– de comprender mellor o mundo que nos rodea, anticipar desafíos e desenvolver solucións”, concluíu.

O tribunal estivo composto por Juan Francisco García, exreitor da Universidade de León e experto en anatomía patolóxica veterinaria; Francisco Javier Salguero, experto en patoloxía veterinaria e enfermidades infecciosas; Xavier Laurent, experto en patoloxía da reprodución e profesor-investigador na Escola Nacional de Veterinaria de Toulouse (ENVT); Margarita Martín, catedrática de Sanidade Animal na UAB, e María Luisa de Arriba, doutora en Veterinaria e figura clave do Premio Syva. O xurado valorou a claridade metodolóxica e o impacto dos estudos seleccionados.

Con esta edición, o Premio Syva, que abriu por primeira vez as súas candidaturas a nivel internacional o ano pasado, reforza o seu papel como referente na promoción da investigación en sanidade animal, o cal destaca pola interdisciplinariedade, a innovación e a relevancia global dos temas tratados.