O proxecto LAKTIS pon data ás súas primeiras xornadas para impulsar a sostibilidade no sector lácteo

O proxecto LAKTIS pon data ás súas primeiras xornadas para impulsar a sostibilidade no sector lácteo

O proxecto LAKTIS – Innovación e Transferencia de Konocimiento en Sostibilidade para o sector Agroganadeiro Lácteo inicia oficialmente o seu calendario de actividades coa celebración das súas tres primeiras xornadas de arranque, que terán lugar os días 27 de xuño en Granda (Asturias), 30 de xuño en Ribadeo (Lugo) e 1 de xullo en Ames (A Coruña). Estas sesións marcan o punto de partida dun itinerario de traballo que se desenvolverá ata xuño de 2026 e que ten como principal obxectivo acelerar a transición cara a unha gandaría leiteira máis sostible, baixa en carbono e aliñada cos retos da Política Agraria Común (PAC).

Financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, LAKTIS enmárcase nunha estratexia supraautonómica de intercambio de coñecementos e transferencia tecnolóxica, cun forte compoñente práctico. O proxecto traballará directamente con gandarías galegas e asturianas para validar ferramentas de medición da pegada de carbono, identificar casos piloto, promover estratexias de mitigación de emisións e elaborar unha Guía Branca de Boas Prácticas para orientar a toma de decisións en políticas públicas.

A iniciativa parte do recoñecemento do papel clave que desempeña o sector leiteiro no noroeste peninsular, non só desde o punto de vista económico, senón tamén polo seu peso ambiental. “Reducir o impacto climático do modelo produtivo sen comprometer a súa viabilidade é un dos grandes retos que afrontamos”, explican desde MEDRAR Innovation Office, entidade coordinadora do proxecto.

LAKTIS está promovido por un consorcio multi-actor que agrupa representantes de toda a cadea de valor do sector leiteiro. Participan as cooperativas gandeiras CLUN (Galicia) e CLAS (Asturias), a industria CAPSA FOOD, a asociación AGACA, e empresas especializadas como Entomo, Pentabiol, Innogando, ODOS Tech ou Solid Forest, xunto con investigadores como Gregorio Salcedo ou o grupo Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela.

O enfoque metodolóxico do proxecto articúlase a través de once xornadas técnicas, divididas en catro grandes bloques (inicio, intermedias, finais e clausura), que permitirán compartir resultados, debater solucións viables co sector e visitar explotacións que xa están adoptando medidas de descarbonización.

As primeiras xornadas celebraranse en formato híbrido e están abertas á participación de técnicos, gandeiros, estudantes e persoas interesadas na sostibilidade agropecuaria. Na xornada do 27 de xuño, organizada nas instalacións do Grupo Central Lechera Asturiana, na rúa Sierra de Granda (Polígono Industrial de Siero), presentarase o estado da arte da descarbonización no sector, compartiranse casos prácticos de cálculo da pegada de carbono e debaterase nunha mesa redonda sobre as ferramentas dispoñibles para reducir as emisións.

O 30 de xuño, Ribadeo acollerá a segunda xornada, centrada no papel das cooperativas como motor de transformación sostible. A sesión combinará dúas mesas redondas, unha con perfís técnicos e outra con gandeiros de CLUN, e rematará cunha visita ao Centro de Alimentación de Gando Vacún da cooperativa.

Por último, o 1 de xullo, Ames (A Coruña) será a sede da terceira xornada, na que se abordarán as necesidades concretas do sector para avanzar cara a unha gandaría cunha menor pegada ambiental. A experiencia de AGACA, a visión de expertos técnicos e a participación de produtores completan o programa, que culminará cunha visita a unha explotación socia de CLUN.