O creador do actual Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, promotor, ademais, do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural e primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), faleceu recentemente aos 92 anos de idade. Máis en Vaca Pinta 50.
Álvaro Rodríguez, que tivo seis irmáns, naceu en 1932 en Meira (Lugo). Comezou a súa traxectoria profesional a unha idade temperá, xa que con apenas 27 anos foi alcalde da súa localidade natal, converténdose así no rexedor máis novo de España; este posto ocupouno durante un lustro. Así mesmo, os seus primeiros pasos no sector primario deunos a través do comercio dos seus pais, José Rodríguez Gato e Lucila Eiras González, con tan só 18 anos, cando se incorporou á súa tenda de comestibles, onde tamén vendían produtos agrícolas.
Máis tarde mudouse á capital lucense, onde en 1971 creou os alicerces do que hoxe é o Grupo Aresa; este acrónimo vén das iniciais do nome e apelidos do fundador unido ás palabras “subministracións agrícolas”. Ano tras ano, Rodríguez Eiras consolidou o seu negocio e fíxoo medrar de maneira exponencial, chegando a ter unha presenza relevante no mercado dos fertilizantes e no asesoramento técnico os agricultores e gandeiros. Posteriormente, en 2006, a súa sobriña Carlota López incorporouse á empresa familiar, na que exerceu como vicepresidenta do grupo ata este mesmo ano, cando relevou na presidencia o seu tío logo do seu falecemento.
En 1977 foi elixido primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), posto no que estivo ata 1984. Tamén exerceu como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) desde 1981 ata 1983.
En 1992 lanzou a campaña publicitaria ¡Ramón, o Fertimón!, que se convertería nun dos anuncios máis míticos e lembrados da Televisión de Galicia (TVG). En 2002 fundou a cadea de tendas Todocampo, de produtos para o sector primario, xardinería e mascotas e, ao ano seguinte, o almacenista Cecoagro, con instalacións propias en Begonte.
A súa enorme implicación co mundo agrario e gandeiro levouno hai 25 anos a instaurar, da man da Universidade de Santiago de Compostela, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
Ao longo da súa traxectoria recibiu tamén distintos galardóns. En 2009, por exemplo, entregóuselle a insignia de ouro da USC polo seu compromiso con esta institución e, en 2017, creouse na Facultade de Veterinaria de Lugo a Aula Aresa. Ese mesmo ano, recolleu a medalla de ouro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), que por aquel entón celebraba o seu cuadraxésimo aniversario.
Durante a época da transición española, Álvaro Rodríguez foi o primeiro presidente do Club Político de Lugo, tribuna que acolleu os grandes líderes dos partidos de ámbito estatal para que expuxesen os seus proxectos políticos.
Este empresario foi, pois, un referente no desenvolvemento do medio rural galego, ao que dedicou a súa vida empresarial e laboral. Desde a revista Vaca Pinta e Transmedia Comunicación reiteramos o noso máis sentido pésame os seus familiares e amigos.
IMPULSOR DO PREMIO ARESA DE DESENVOLVEMENTO RURAL
A inicios do século XXI Rodríguez Eiras instaurou o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, coa finalidade de premiar os proxectos empresariais ou de investigación a favor do campo galego. Na primeira edición estivo presente Manuel Fraga, quen entregou ao presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, o premio Aresa, que recaeu no matadoiro Novafrigsa desta cooperativa. Na última edición, o galardón foi para Traloagro.
O premio, que se convoca en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, está pensado para recoñecer traxectorias de persoas, entidades públicas e privadas ou empresas que contribúan ao desenvolvemento rural a través da agricultura, a gandería ou o sector forestal.
Entre os premiados figuran Novafrigsa (2000); o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001); a Aula de Produtos Lácteos (2002); o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003); a IXP Ternera Gallega (2004); o programa da Televisión de Galicia O agro-Labranza (2005); a DO Ribeira Sacra (2006); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008); Ingapan (2009); Acruga (2010); a SAT Monte de Trabada (2011); Champivil (2012); Alibós Galicia (2013); a DOP Queixo San Simón da Costa (2014); Agroamb (2015); a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica (2016); a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, EPS (2017); o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018); a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel (2019); Cooperativa A Carqueixa (2020); EFA Fonteboa (2021); Casa Grande de Xanceda (2022); a Moexmu (2023), e Traloagro (2024). Este ano o Premio Aresa celebrou o seu vixésimo quinto aniversario.