EDITORIAL

Na defensa da investigación (e dos investigadores)

Na defensa da investigación (e dos investigadores)

Traémosvos, literalmente, a Vaca Pinta máis contundente ata a data –foi un milagre atopar unha grampa capaz de soster todo o contido que alberga– e facémolo enarborando un letreiro xigante na defensa do investimento, público e privado, en I+D neste sector en xeral, e no campo da alimentación do vacún moi en particular.

Nesta edición repasamos os contidos do noso programa especial emitido con motivo de GandAgro 2025, recollemos a valoración de InLac sobre a súa campaña “Conta cos produtos lácteos europeos” e, no apartado de “Opinión”, a Xunta Directiva de Anembe asina un manifesto sobre a nova normativa de distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios. Sobre este tema afondamos tamén cos veterinarios Roi Capón, Fermín Rico, Juan Rodríguez e Román González.

Así mesmo, detallamos o acto de entrega do XXV Premio Aresa a Traloagro, analizamos os principais asuntos tratados na Xornada Africor Lugo-Vaca Pinta 2025 e falamos con Eduard Vila e Rita Casals sobre o servizo xenético que presta Fefric dende 2020.

Na sección “A pé de pista”, recollemos os resultados dos concursos de GandAgro, Usías Holsteins, Menorca e Trofa, así como os datos da última poxa de Chantada. E da pista… ¡á granxa! Levámosvos a visitar a gandería Hermanos Sañudo Argüelles, en Val de San Vicente (Cantabria), un negocio familiar xestionado por tres irmáns xunto cos seus pais, os cales nos falan da súa loita actual: facer prosperar a explotación fronte ás dificultades derivadas da instalación dun polígono industrial lindeiro, que lles impide, entre outras cousas, acometer calquera obra de ampliación ou mellora.

Artigos sobre saúde podal, reprodución e instalacións serven de antesala para o contido técnico central desta edición: a sementeira do millo forraxeiro. Contamos coas recomendacións dunha vintena de técnicos expertos no cultivo do millo, incluímos as táboas de avaliación de variedades do CIAM e do Serida, e abordamos distintos aspectos para o seu cultivo.

Tamén tivemos tempo de elaborar un par de reportaxes acordes coa temática estrela deste número. Con motivo dos 25 anos de análises no CIAM, conversamos con José Souto, o responsable da coordinación dos ensaios de millo forraxeiro en Galicia dende os seus inicios, e recollemos as declaracións de Adela Martínez, profesional de referencia neste ámbito, quen nos fala sobre o labor desenvolvido no Serida nas últimas décadas.

É precisamente Adela quen inspirou o titular deste editorial, xa que na nosa entrevista sinalou un aspecto especialmente preocupante para seguir afinando a rendibilidade das ganderías na área da alimentación: a falta de apoio por parte da Administración para promover a remuda xeracional na investigación sobre pastos e forraxes, o que, sen ir máis lonxe, xa está a afectar á continuidade das avaliacións oficiais de variedades de millo forraxeiro en distintas comunidades.

Como cabeceira técnica, cremos que temos a responsabilidade de defender o inestimable papel do persoal técnico e dos investigadores, cuxo traballo contribúe de forma imprescindible á crecente tecnificación do sector e a que cada tarefa se realice coa maior precisión para alcanzar o obxectivo último de calquera negocio: o máximo beneficio.

Quizais haxa quen aínda poña en dúbida o impacto do labor destes profesionais nas súas contas de resultados. A eses escépticos convidámolos a revisar, con máis detemento aínda, todos os contidos formativos e informativos que atoparán nestas páxinas e asegurámoslles que, sen investigación, non hai progreso.