Coñecido na súa vila como Pepe Barcella, pola casa familiar, e entre a profesión como Pepe Tapia, José Pérez é un dos veterinarios más recoñecidos no sector a nivel nacional. Xa xubilado, con tres fillos, Eduardo, Carolina e Pablo, senta con nós para repasar a súa gran traxectoria profesional e dos cambios que viviu a veterinaria rural en todo este tempo. Con tan só 52 anos, unha grave enfermidade deulle un gran xiro á súa vida e agora parte do seu tempo dedícao a axudar e, como el mesmo di, a crear esperanzas. Máis en Vaca Pinta 52.
Comecemos pola súa mocidade. En que momento decidiu que quería ser veterinario?
Esta historia é moi longa, porque teño moitos anos –comenta entre risas. Cando chegaba do colexio, eu muxía algunhas das vacas que tiñan meus pais, entregábase o leite en bidóns e levábase a desnatar. Ademais, meu pai era o curioso da vila e chamábano para os partos. Eu sempre ía con el.
Por aquel entón, estaba encariñado cunha das vacas e nun dos partos, tivo un problema e morreu. Eu tería uns 12 anos e a verdade é que aquel día xurei que faría o posible para que non volvese ocorrer un suceso similar.
Pasaron os anos e máis vocacións pasaron pola miña cabeza, pero, nos últimos anos do bacharelato, atopeime cun compañeiro, Fernando Vijande, que si tiña claro que se ía estudar Veterinaria a León e, nese momento, renaceu en min a vocación.
Como foi orientando a súa especialización?
Estudei en León cinco anos e, cando estaba rematando terceiro, veu o veterinario que estaba en Tapia nese momento a preguntarlles aos meus pais se lle faría a substitución das súas vacacións no verán.
Eu tiña un libro, que era o Libro de Noticias Neosan, e con aquilo atrevinme a saír por aí de curandeiro, porque non tiña título nin nada.
Traballei aquel verán 15 días e valeume moitísimo, porque entón si que me afeccionei á veterinaria de campo. Cubrinlle as vacacións ese ano e o seguinte, e despois xa empecei pola miña conta.
A pesar de ter propostas na Universidade para quedar, sempre tiven claro que non quería ser funcionario e que o meu futuro pasaría por quedar no campo e por traballar onde nacín.
Como lembra os inicios?
Os inicios foron aquí. Lembro que nunha desas substitucións que fixen, ía a unha zona de montaña e a xente viña coas súas vacas nun remolque para inseminar. A min, por un lado, dábanme moita pena e, por outro, parecíame un perigo inseminar daquela forma. Por iso, díxenlle ao gandeiro: “Para a próxima, non te preocupes, que vou eu á túa casa”. Así xurdiu a idea de comezar a traballar a domicilio.
Aquel gandeiro reuniu un montón de sinaturas doutros gandeiros e conseguiu o que era imprescindible nese momento para poder inseminar: o circuíto de inseminación. Empecei a traballar naquela zona, na montaña entre Tapia e Castropol e, logo, asenteime máis no que é puramente Tapia e as súas zonas limítrofes.
Como foi a evolución do seu traballo como veterinario?
Foron 45 anos de profesión e a traxectoria dá para todo.
Empecei loitando contra a brucelose, porque había un montón de abortos por esta causa. De feito, eu, ao pouco de comezar, estiven moi prexudicado pola brucelose, porque non había luvas nin nada... No ano 1979 non había luvas, non se pode crer, pero non as había.
Logo, en 1982 chegou o saneamento e, aquí en Tapia, tivemos a sorte de ter un centro de formación profesional agraria. Lembro dous rapaces, Ramón e Juan, que empezaron a ver como era o traballo comigo e viñan case todas as tardes. Por aquel entón, eu xa tiña bastante traballo, e non moito tempo, e eles comezaron a “quentarme a cabeza”, porque había que ir máis alá no campo.
Xusto nesa época realicei o Curso de Nutrición de Bienvenido Martín Vaquero e, segundo cheguei, dixéronme: “Agora hai que ensinarlles aos gandeiros isto que aprendiches”. A raíz diso, puxemos en marcha unha formación para gandeiros na que xuntamos 150 ou máis. Aquilo era incrible, pero tivo unha grande acollida e, a partir de aí, organizamos cursos de mellora xenética, escolas de xuíces locais, preparamos unha especie de concurso local e con aquilo ofrecemos moita formación.
Lembro tamén como xurdiu a idea de crear un grupo de gandeiros cuxo último fin era conseguir servizos en común. Chamouse Asociación La Esperanza. Que servizos creamos nese momento? O servizo de reprodución. Tiñamos 1.800 animais en 180 granxas, imaxina o tamaño das ganderías. Despois, iniciamos os servizos de calidade do leite e, no ano 1987, xa incorporamos un servizo de xestión técnico-económica, que se mantén ata hoxe.
No medio de todo isto, veu facer prácticas de grandes animais comigo Alfonso Llano, un compañeiro que estivera centrado no servizo militar en Ceuta nos pequenos animais, e inculcoume a idea de que os cans e os gatos tiñan moito interese.
Máis tarde, coñecín a Gumersindo de la Riera, que non paraba de viaxar, e a José Manuel Valle. Con Alfonso, Gumer e José Manuel viaxei a Toronto (Canadá), ao Royal e a unha práctica mixta de Jhon Draper, e alí vimos a uns veterinarios que desenvolvían práctica mixta, facían pequenos e grandes, o que me gustou moito. Desde esa, quedoume na cabeza a idea de poñer en marcha algo así.
E en canto ás condicións de traballo?
Cando comezas, só existe unha cousa: a profesión. Non o notaba só en min, lembro a Portela e a Butragueño, que viñan comigo de prácticas, e eles tamén saían todos os días comigo, mesmo de noite, non tiñan ningún inconveniente, non había vida familiar. Ao principio, dedicabámonos só á profesión, pero, co paso do tempo, a idea de non dedicarse só a traballar sempre me deu voltas na cabeza e loitei sempre contra iso. Creamos un grupo para diluír as gardas, para ser máis xente, repartirnos e poder faltar un día.
Isto foi cambiando, porque tiña que cambiar e aínda se poden mellorar moito as condicións laborais. A calidade de vida pasa por facer xornada continua e poucas gardas.

Ao longo de todos estes anos, quen foron referentes ou grandes apoios?
O primeiro de todos, e moi importante, foi un veterinario dun grupo de Navia, Manuel Jaquete, o primeiro co que saín facer prácticas. Ensinoume moito, pero, sobre todo, o que era o diagnóstico diferencial, o trato coa xente, a honradez, a importancia de estar formado… e mesmo a comer ben.
Despois, Alfonso Llano; Pico, que estudou comigo, e Cotarelo, a quen lle debo ter onde durmir en León. O primeiro día, cheguei a unha pensión que tiña reservada, dixéronme que non había sitio e vinme ás 11 da noite, sen ter saído moito da casa, só na rúa Ordoño. Atopeime con Cotarelo e díxome: “Vente comigo”. Levaba un ano xa alí e estiven con el toda a carreira.
Un punto de inflexión moi significativo para min foi coñecer a Gumer. El viaxaba moito, tiña moita información, falaba moi ben inglés e converteuse na miña ampliación internacional. Foi un apoio moi grande.
Despois, entrei en Anembe e alí coñecín moita xente. Quédome con Allen Russell, con Quim Baucells, Joan Collell... E sobre todo, como amigo, debo nomear a José Luis Juaristi.
Que retos profesionais destacaría de entre aqueles aos que se enfrontou?
Un dos primeiros retos, despois de enfrontarme á brucelose e ao saneamento, foi facer cirurxía de campo, de pé. Comezamos os que chegamos novos, con pouca xente e pouca axuda.
O segundo gran reto consistiu en enfrontarse, sen ter tempo, a facer servizos máis especializados, como o de reprodución ou o de calidade do leite, e formarme para iso. No ano 1982 ou 1983, revisei centos de muxidos. Se llelo digo agora aos rapaces, non o entenden. Ninguén me facía caso, porque, como non se pagaba pola calidade, era predicar no deserto.
Outro cambio importante chegou coa presenza dos móbiles, neste caso para ben, porque era moi duro traballar sen móbil. E, logo, viñeron a informática e o ecógrafo.
A informática tróuxonos programas, sobre todo de xestión da reprodución, que eran o máximo. Foi un gran reto adaptarnos a eses sistemas, recoller e manexar datos.
Tras todo isto, chegou un momento no que deixamos de ser bombeiros. Non abandonamos o individuo, pero si pasamos a pensar máis na colectividade e, con iso, todos os programas de bioseguridade e de prevención de enfermidades. Coa enorme cantidade de datos que se manexan hoxe en día, estamos nun momento no que hai que aprender unha nova profesión.
Foi un dos piares para Anembe...
A verdade é que eu non me considero piar de Anembe. Eu cheguei á asociación un día nunha feira de Barcelona, porque creo que Gumer me dixo: “Oe, en Anembe parece que non hai quen siga e está un pouco delicado o tema”. Levoume a unha reunión e alí decateime de que era máis interesante o asunto. Xa se estaba organizando o congreso en Santander e, a partir de aí, albiscábase un parón. Eu, entón, dixen que, se me deixaban, intentaba facer un congreso en Asturias e montar unha estrutura. A estrutura era ter unha secretaria, ter unha sede e ter un xerente que levase aquilo.
Seleccionei un xerente, que foi José Manuel Benito, moi bo para Anembe, e a unha secretaria, Alicia González, a base de formar todo iso. Con voluntarios, preparamos o congreso de Xixón e comezamos a cobrarlles ás empresas, que foi moi duro, porque antes poñían o seu stand e ninguén lles pedía nada. Iso permitiunos acadar a saúde económica que existe agora, sen depender tanto das cotas, ter unha boa revista e traer os relatores que nos petase. Creo que foi un traballo moi interesante.
De que xeito cre que Anembe axuda os veterinarios de vacún a seguir formándose?
Agora mesmo hai acceso a moita formación, houbo un gran cambio neste aspecto, pero nese momento a formación que ofrecía Anembe era moito mellor, máis futurista, ao máximo nivel e cos mellores poñentes internacionais. Os mellores na súa especialidade formaban parte da xunta directiva e poñían toda a carne no asador para presentar un bo congreso. Todo ese coñecemento estendíase aos gandeiros, aos asesores, aos empregados…
Outro punto importante na súa carreira foi a creación do hospital veterinario de Tapia, un referente na zona.
Sempre estivo na miña cabeza a idea de compatibilizar a veterinaria de grandes animais coa de pequenos.
Cando queres entrar en temas novos, tes que ampliar o equipo e fomos creando un grupo coa vista posta en diluír o traballo, para poder descansar máis e ter unhas vacacións medio decentes. Xurdiron unhas subvencións, un plan de mellora, un terreo e todo foi uníndose. Eu saía dun problema grave e decateime de que un proxecto así me ía facer moi ben. Así, embarcámonos nel. Agora estamos moi contentos, porque foi unha moi boa idea.
A creación de equipos é un dos problemas que atopan moitos veterinarios hoxe en día. Que hándicaps cre que está habendo?
Por unha banda, a facultade debía estar máis especializada. Polo menos, os dous ou tres últimos anos debía haber unha opción de especializarse en grandes animais e estar enfocados a un montón de prácticas.
Pola outra, os grupos veterinarios temos que achegar máis e ofrecerlle calidade de vida á xente. A vida do veterinario rural é dura e está moi mal pagada. É algo que pasa tamén noutras profesións.
Como buscador de traballadores, como viviu este tema?
Ao principio era moito mellor, porque viña a xente de prácticas moito tempo e íaste quedando cos que che parecían. A incorporación dun bo veterinario facíache medrar e xerar servizos novos.
Si que é verdade que agora non veñen tantos veterinarios de prácticas coma antes. Por iso, debemos continuar coa idea de mellorar as condicións laborais dentro do que se poida.
A formación é fundamental para o futuro, pero non só para os veterinarios senón tamén para os gandeiros.
Si. Debemos ter a nosa formación e transmitila. Agora mesmo, o gandeiro recibe información de moitas fontes e o que necesita é ter claros os seus obxectivos e os puntos críticos da súa gandería. Eu vexo aínda moito estrés por calor, sobrepoboación nas ganderías, problemas co xurro e coa xestión e formación dos empregados.
Que importancia ten o sector leiteiro na súa zona e como ve o futuro?
Aquí pasamos de manexar 1.500 vacas a 10.000, nunha zona similar ou un pouco maior. As ganderías medran, a situación económica é moi boa e os servizos que se poden ofrecer son innumerables; o único que hai que facer é pararse a deseñalos e vendelos. Non me atrevo a dicir que mañá a situación siga sendo boa, porque hai moita inestabilidade, pero este é un bo momento para dedicarlle moita ilusión.
O gandeiro de hoxe en día está enfrontándose a un problema de tamaño, porque é pequeno para ser grande e grande para pequeno. O gandeiro ideal será aquel que poida supervisar moito e non precise traballar demasiado. Non serve estar a botar o xurro, deberá ter alguén que o bote; iso está claro.
Unha enfermidade deu un xiro importante á súa vida, á súa forma de vivila e de entendela.
Nunca pensas que vai chegar algo así. É como se o mundo se parase nese momento e dis: “Non aguanto máis, rematei”. Eu fixera unha viaxe a Istambul, cun laboratorio, e, vindo no avión, pensei que afogaba. Tiña 52 anos, saía en bicicleta, estaba moi ben, forte, e decateime de que non podía viaxar máis, de que non resistía a viaxe.
Comecei a ter unhas dores raras e un día decidín que tiña que mirarme. Fun ao hospital e no momento xa me diagnosticaron a enfermidade. Era un linfoma de célula grande, de crecemento moi rápido, moi agresivo.
Nun primeiro momento, tes que chamar a túa familia e contarlles mentiras –recorda coa voz entrecortada. Despois, debes reunir a todo o mundo e contar a verdade.
Cando vin a resonancia, decateime de que tiña poucas posibilidades, porque eu controlaba. Foi moi complicado.
Agora, se che digo a verdade, alégrome moito de pasalo. É unha experiencia extremadamente dura, pero todo se puxo a favor: a xente que me rodeaba, os amigos, os compañeiros... De casualidade, lembrei un amigo que tiña dunhas vacacións, que era médico en Madrid. Chameino e díxome: “Estás no sitio adecuado, eu son o que fago transplantes de medula”.
Tiven moita sorte, porque nese momento apareceron os primeiros tratamentos con anticorpos monoclonais, que foi o que me salvou.
Aínda non me deron a alta, sigo en revisión cada seis meses, pero estou moi ben. Algo así cámbiache a vida, decátaste dun montón de cousas que non vías. O que pasa é que, desgraciadamente, van pasando os anos, xa pasaron 17, e volves outra vez a preocuparte por parvadas, por cousas das que non debes preocuparte. Foron dous anos moi interesantes.
A que parvadas se refire?
De todo o que un se preocupa, o 99 % non sucede nunca. Iso é o primeiro do que hai que decatarse.
Volveu a traballar?
Nunca volvín a traballar igual. Entraron catro persoas a facer o que eu facía. Volvín a xestionar, pero nunca volvín a traballar coma antes, nunca.
E despois da enfermidade volveu ser pai...
Si. Tiña 57 anos. Despois dos tratamentos era difícil conseguilo, pero agora considero que foi unha decisión boísima que tomamos a miña muller e eu. Medran demasiado rápido e agora teño un home ao meu lado. É difícil imaxinarme na xubilación sen el.
Tras esta experiencia, leva a cabo un proxecto de axuda a outras persoas que pasan polo mesmo.
No Hospital de La Paz visitábanos todos os días un señorín de pelo branco, da Asociación Española Contra o Cancro, que nos traía o xornal e uns caramelos. Aquela visita axudábame moito. Parábase pouco, porque había moitos enfermos, pero si que te animaba. É unha boa misión, o que pasa é que hai que estar preparado para iso.
Aquí si que hai Asociación Española Contra o Cancro, pero, sen querer, coincides con xente que ten algunha enfermidade e moitos me falan para saber que fixen eu para curar.
Nunha etapa coincidimos unhas catro ou cinco persoas e ocorréuseme a idea de crear un grupo de WhatsApp no que ir compartindo experiencias, dúbidas, feblezas… Foi unha idea boa mentres todos estabamos ben, pero o problema chegou cando cae un do grupo. Supuxo un baixón para todos e, por iso, agora prefiro facelo cara a cara, por teléfono ou por WhatsApp, pero de maneira individual.
Que necesita a xente? Primeiro, se ten algunha proba, necesita que lle interpretes os resultados. Logo, que lle contes como vai ser o proceso, os posibles efectos secundarios, o seu futuro... Intento darlles tranquilidade e, sobre todo, amósolles a miña primeira resonancia e dígolles: “Mira como estaba eu, moito peor ca ti...”. Con iso e véndome curado, anímanse moito.
Creas esperanza, aínda que a esperanza máis grande que hai é a investigación.
O peor da enfermidade son os tempos de espera, as noites fanse interminables, e aí si que pediría máis humanidade na xente que manexa este tema.
Síntome moi ben con este labor. Axúdame tamén a min, porque vou a revisión cada seis meses e ese momento revólvete moito.
Como é a súa vida agora? Como dicía a canción, a que dedica o tempo libre?
Sigo en contacto co meu traballo anterior, porque a miña muller segue traballando.
O que máis me gusta é erguerme cedo, camiñar, ler a prensa de verdade, en papel, e falar nunha charla á que vou pola mañá. As tardes adóitoas pasar un pouco no despacho e, logo, vou con Pablo sempre a algún sitio. Xoga ao baloncesto e ocúpanos bastante tempo. Temos un grupo de amigos alí moi interesante e divírtenos moitísimo. Pásame o día moi fácil.
Tamén me gusta o golf, aínda que levo unha temporada sen poder xogar porque me operei da costas. Espero volver xogar pronto. Ademais, viaxar encántame.