Viaxamos ao corazón de Valdáliga para coñecer de primeira man La Marina de Retortillo, unha granxa referente en España para aqueles amantes da xenética da raza holstein. O seu propietario, Eduardo Sánchez, e o seu xerente, José Manuel Paz, abríronnos as portas da súa casa para desvelarnos a verdadeira historia desta gandería tan unida ao mundo da comunicación. Máis en Vaca Pinta 50.
Localización: Valdáliga (Cantabria)
Propietarios: familia Sánchez Pérez
N.º total de animais: 160
Vacas en muxidura: 80-90
Media de produción: 36-38 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,70 %
Porcentaxe de proteína: 3,60 %
RCS: 200.000-250.000 céls./ml
Venda do leite: Nestlé
Prezo do leite: 0,48 €/litro máis calidades
La Marina de Retortillo, a piques de cumprir 50 anos de traxectoria, sobresae no sector pola súa grande aposta, desde os seus inicios, pola alta xenética e a procura da excelencia da raza holstein.
O seu fundador, Eduardo Sánchez Junco, dono da finca El Retortillo, de Burgos, era un auténtico apaixonado da natureza, das vacas e da selección xenética e, xunto ao cántabro Guillermo Paz, creou en 1976 esta gandería de produción leiteira.
A día de hoxe, os fillos de Eduardo e de Guillermo, Eduardo Sánchez e José Manuel Paz, continúan co legado que lles deixaron os seus pais: José Manuel, como actual xerente e responsable da gandería, e Eduardo, como propietario, compaxinando o mundo da gandería coa dirección dunha das publicacións de sociedade, moda e beleza con máis éxito do panorama nacional, como é a revista ¡Hola!
“A nosa paixón segue estando nesta gandería, que con tanta ilusión comezou o meu pai, quen se converteu naqueles anos nunha figura relevante no desenvolvemento da xenética da vaca frisona en España”, destaca Eduardo lembrando que El Retortillo foi a primeira granxa española en realizar unha inseminación artificial.
QUE FOI PRIMEIRO, A GRANXA OU A REVISTA?
Antes de xornalista, Eduardo Sánchez Junco foi enxeñeiro agrónomo. “Meu avó, por aquel entón, recomendoulle ao meu pai que estudase a enxeñería porque consideraba que tería un futuro máis seguro”, sincérase o seu fillo Eduardo. El tiña moitísimo amor polos animais, especialmente polas vacas frisonas, e este foi desde o principio o seu gran proxecto.
“A alianza de El Retortillo con La Marina levou a esta última a ser o que é hoxe, unha gandería das mellores de Cantabria e de España por cualificación”, subliña Eduardo. Tanto que no último ranking da Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe) coas mellores granxas por cualificación morfolóxica, La Marina de Retortillo sitúase no posto oito, cunha media de 85,36 puntos.
Da unión de ambos sectores, Sánchez Pérez destaca un gran nexo en común: “Facer as cousas con bo gusto buscando sempre a excelencia e o rigor”.
Recoñece que son dous proxectos moi distintos, pero cre que teñen a mesma orixe pasional e o mesmo coidado e vocación. Sinala, ademais, que para alcanzar o éxito en ambos se necesita unha gran dedicación e un esforzo permanente.
“Nós estamos traballando e apoiando moito a evolución da granxa, incorporamos tecnoloxía para garantir un futuro interesante. Así nos gustaría que fose”, admite Eduardo. A súa seguinte xeración conserva o gusto polo gran proxecto do seu avó e a ilusión desta familia pasa por continuar con este legado.
Neste sentido, o director da revista ¡Hola! confía plenamente no traballo de José Manuel Paz. “A súa gran vocación, a súa profesionalidade e o seu espírito de traballo foron sempre impecables e é a alma máter de La Marina. Ten unha gran capacidade para seleccionar e buscar a mellor xenética e é quen toma as decisións e dirixe absolutamente a explotación”, conclúe.

A MORFOLOXÍA, PIAR FUNDAMENTAL
“Eduardo Sánchez Junco era como un segundo pai para min”, conta José Manuel Paz. Inculcoulle a súa paixón polas vacas, polos concursos e pola morfoloxía dos animais, un aspecto que se converteu no piar básico da xestión de La Marina.
“Intento coordinar a xenética e os bos pedigrees das vacas co rendemento da granxa. Para min é básico”, resume o gandeiro.
Selecciona os touros en base ao tipo e está subindo o listón cada vez máis sobre a produción. Aposta en maior medida por sementais probados, aínda que tamén usa xenómicos e combina en cada campaña entre seis e oito touros.
Comezaron a xenotipar o rabaño, grazas a un servizo subvencionado pola Asociación Frisona de Cantabria (AFCA), e “aínda que continuamos fiándonos do que imos vendo –di–, esta é unha ferramenta máis da que dispoñemos para seguir mellorando”.
Inseminan sempre con seme sexado, para obter moita recría e só en casos extremos, de pouca fertilidade, poñen algún touro angus.
“Cualificamos en 2024 un total de 66 vacas, conseguimos 11 EX (excelentes), 44 MB (moi boas), das cales 22 son de primeiro parto, e 11 BB (bastante boas) de primeiro parto”, enumera.
Entre todas as familias de vacas que pasaron pola granxa, José Manuel lembra con especial agarimo a frisona “Marina Stormatic Siberia, unha vaca moi dominante na nosa gandería con varias fillas, netas e bisnetas excelentes”.
UNHA CITA ANUAL: A SÚA POXA DE ELITE
Cunha lista de animais con pedigrees moi bos e unha recría máis que ampla, José Manuel propúxolle á empresa a idea de organizar cada ano unha poxa de animais de alto valor xenético para darlles saída a estes exemplares e seguir promovendo o nome de La Marina no sector.
“Ao utilizar na gran maioría das nosas vacas seme sexado, logramos ter un excedente de animais de calidade para realizar a poxa e todo iso supón un ingreso importante no ano”, indica Paz.
Desta maneira xurdiu a idea e, desde hai uns catro anos, veñen celebrando a finais do mes de outubro unha cita que xa é recoñecida no calendario do vacún de leite español. “Gozamos moito da poxa, pasamos un día moi agradable con outros gandeiros, veterinarios e técnicos do sector, e poñemos en valor o traballo que seguimos facendo pola raza holstein española, tal e como quería Eduardo Sánchez Junco”, valora José Manuel.
MÁIS DE 25 ANOS COMO XUÍZ
José Manuel Paz pertence ao grupo de xuíces nacionais da raza frisona de Conafe desde o ano 1998. “Todo comezou unha vez máis grazas ao fundador desta granxa, que me inculcou desde ben pequeno a paixón polas vacas e dicíame sempre que me tiña que formar como xuíz, pois el nunca puido chegar a selo por dificultades co seu traballo”, explica.
Así, comezou a asistir ás escolas de xuíces, ata que logrou o título e iniciou a súa andaina como xuíz nas pistas de todo o panorama nacional e mesmo internacional.
Esta outra faceta permitiulle a José Manuel coñecer moitos gandeiros, a xestión doutras ganderías e animais que quedaron gravados para sempre na súa memoria. “Hai certas vacas que me marcaron moito, véñenme á cabeza exemplares como Viña Tempo Alhambra, que lograba competir nos 90 con vacas italianas, a elite naqueles anos; Retortillo Lindy Pisde, de El Retortillo, que gañou dous concursos nacionais en 1996 e 1997, ou Pacho Goldwyn Telva, unha vaca fantástica que tamén se impuxo no Nacional unhas tres veces”, unha lista na que engade a “Llinde Ariel Jordan, unha vaca incrible que non só sorprendeu en España senón tamén en Europa, polo boa e lonxeva que é”.
Do que lle deron os concursos, queda tamén coa oportunidade de viaxar polo mundo e cos grandes amigos que foi facendo. “Creo que este tipo de convocatorias son moi necesarias para inculcarlles esta paixón aos mozos e para transmitir e intercambiar coñecementos entre os gandeiros”, resalta.
Nos certames morfolóxicos “ves fillas de certos touros que son moi sobresalientes e adquires impresións que ás veces non terías, porque na xenética dous e dous non sempre son catro; se non, todos fariamos vacas excelentes e campionas. Os concursos axúdanche moito nisto”, finaliza.

O DÍA A DÍA
A día de hoxe, suman un rabaño total de 160 cabezas, das que moxen unhas 80-90 vacas, e están a alcanzar unhas cifras de produción de 36-38 litros de leite por vaca e día, cun 3,70 % de graxa e un 3,50-3,60 % de proteína. “Non temos unha media de produción moi alta, porque nos gusta manter os nosos animais moitos anos na explotación, uns 10 ou 12 anos. Son vacas excelentes varias veces ás que lles temos moito cariño”, matiza José Manuel.
Na nave principal, as vacas de leite descansan en cubículos con cama de area e teñen acceso a dous robots de muxidura que instalaron hai dous anos e medio.
As xatas acabadas de nacer están en casetas e, cando se destetan, aos tres meses, comezan a agruparse en varios parques segundo a idade. Están encamadas todas con palla.
Insemínanas, dependendo da súa condición corporal, entre os 14 e os 16 meses, e desde que están preñadas e próximas ao parto, pasan a un lote especial. Seguidamente, incorpóranse aos lotes de produción. “Ao principio, dividiamos as primíparas cara a un lado e as adultas a outro, pero hoxe en día preferimos telas mesturadas, porque así a muxidura no robot se fai máis áxil. Doutra maneira, acumulabamos máis atrasos no grupo das adultas”, explica José Manuel.
As produtoras comen unha ración composta por 16 kg de silo de millo, 16 kg de silo de raigrás, 8 kg de polpa de remolacha ensilada, 3 kg de alfalfa en rama e 6 kg de concentrado, ademais do penso dispensado nos robots en función da súa produción. As secas aliméntanse de penso de secas e palla a discreción, e a recría, con diversos tipos de penso segundo a súa idade e palla, tamén a discreción.
Xestionan unhas 25 hectáreas de terreo, nas que cultivan millo e raigrás, e abastécense tamén das fincas de Burgos para a palla e a alfalfa.
“Sementamos sempre un ciclo curto de millo porque dependemos moito do tempo e adoitan saír entre 40 e 50 toneladas por hectárea, aínda que, por exemplo, este ano foi catastrófico”, confirma.
Contan con toda a maquinaria básica necesaria para unha explotación –dous tractores, segadora, fileirador, mini pala, rozadoira, cisterna–, pero “encargámoslles moitos labores a empresas externas por falta de tempo, pois na granxa estamos sós o meu irmán e mais eu”.
Pertencen a dúas cooperativas, Cooperativa Ruiseñada de Comillas e Agrocantabria, ás que compran diferentes insumos, como pensos, medicamentos e algunha forraxe, se é necesario. Para o servizo de carro, comparten unifeed con oito ganderías da zona e fai ruta diaria por todas elas para elaborar as diferentes racións.
Véndenlle o leite a Nestlé e están a cobrar 48 céntimos por litro máis as primas por calidades.
De cara ao futuro, anticipa que en Cantabria un dos principais retos aos que se enfrontan é a xestión dos xurros. “Temos acceso a pouco terreo e na época de choivas vólvese complicado. É o noso maior problema, xunto coa burocracia e todo o papelame que se nos esixe. Hoxe en día, case nos dá máis traballo todo isto que as propias vacas”, lamenta José Manuel, ao mesmo tempo que asegura que o seu afán seguirá centrado en continuar mellorando cada día en todos os aspectos que se poidan na granxa.