A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para os días 9 e 10 de setembro unha xornada sobre a pegada de carbono en ganderías de produción ecolóxica. Esta xornada, na que colabora o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), terá lugar no centro sociocultural do municipio lugués de Friol en horario de mañá.
A acción formativa, dirixida principalmente a gandeiros, está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020 e contará cunha duración total de 10 horas, das cales 7 serán teóricas e 3 prácticas. Nela trataranse temáticas como o funcionamento das ganderías en ecolóxico, a pegada de carbono e o futuro de ambas certificacións e posibilidade no mercado.
Así mesmo, tamén se estudará a nova normativa europea de produción ecolóxica e se ensinará aos asistentes como calcular a pegada de carbono da súa explotación, co fin de que poidan reducila a través de boas prácticas ambientais.