A empresa familiar e galega Grupo Lence lanza un programa de bolsas de formación profesional agraria en colaboración coa EFA Fonteboa. Esta iniciativa anunciouse no marco do acto de promoción do curso académico 2024-2025 da EFA Fonteboa, celebrado en Coristanco o pasado sábado e ao que acudiu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
O programa contempla catro modalidades de bolsas, dirixidas aos mellores expedientes académicos. O obxectivo é facilitar a continuidade formativa do alumnado máis destacado, ao eliminar posibles barreiras económicas e fomentar o relevo xeracional no sector agropecuario galego. Durante o acto do sábado, Cristina Dopico, responsable de Campo de Grupo Lence, sinalou que "estas bolsas representan o noso compromiso co talento novo e co futuro do medio rural galego. Queremos que os estudantes con maior potencial teñan as oportunidades necesarias para desenvolverse profesionalmente e contribuír ao progreso do sector agropecuario".
Pola súa parte, Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, deixou unha mensaxe en vídeo na que felicitou ao alumnado e destacou que "con estas bolsas, reafirmamos o noso compromiso coa formación e o desenvolvemento do talento no eido agropecuario. É unha mostra máis do activismo rural que nos move como empresa tractora de Galicia. Con esta iniciativa, fortalecemos o noso compromiso co desenvolvemento sustentable do medio rural galego, apostando pola formación de calidade e o apoio ao talento novo".
A adxudicación das bolsas comunicarase en xaneiro de 2026 pola dirección da EFA Fonteboa, garantindo total transparencia no proceso.