Grupo Lence celebra o seu 50 aniversario cun calendario de actividades para os vindeiros meses

Grupo Lence celebra o seu 50 aniversario cun calendario de actividades para os vindeiros meses

Grupo Lence, empresa familiar 100 % galega e unha das principais do sector lácteo en España, celebra o seu 50 aniversario baixo o lema “50 anos alimentando o teu espírito de superación”, unha homenaxe ás persoas, aos valores e aos soños que fixeron posible o seu crecemento durante cinco décadas.

Fundado en 1975 por Jesús Lence, o grupo naceu “por unha casualidade de la leche”, cando o seu fundador iniciou a súa traxectoria con tres camións cisterna recibidos como pago dunha débeda. Desde entón, a compañía pasou de ser un pequeno negocio familiar a situarse entre as tres empresas que máis leite recollen en Galicia e entre as oito primeiras do sector lácteo en España.

A actual presidenta, Carmen Lence, segunda xeración á fronte do grupo, destaca que este aniversario “é un recoñecemento ao esforzo de moitas familias, á confianza de centos de gandeiros e á lealdade de milleiros de clientes”. Subliña ademais que a historia de Grupo Lence demostra que en Galicia “a colaboración, a innovación e a actitude poden crear proxectos que perduran e xeran impacto positivo na sociedade”.

Un mural que simboliza a súa historia e os seus valores

Como parte da conmemoración, a empresa inaugurou na súa fábrica do polígono do CEAO (Lugo) un mural do artista lucense Diego AS, titulado “Espírito de superación”. A obra representa os valores que guiaron ao grupo: esforzo, determinación e arraigamento ao rural galego.

O mural mostra un neno do campo cunha mirada firme, símbolo do mozo Jesús Lence e de todos os traballadores, gandeiros e colaboradores que fixeron medrar o proxecto. Ao seu arredor, un río de leite flúe desde un cántaro vermello —símbolo da marca Río de Galicia—, evocando o camiño da empresa, a súa capacidade de superar obstáculos e o seu compromiso coa terra.

Un calendario de celebracións

O 50 aniversario celébrase durante varios meses con actividades abertas a empregados, familias, gandeiros e á sociedade galega.

En outubro, ademais do mural, inauguráronse as novas oficinas do grupo en Lugo, deseñadas para fomentar a innovación e o benestar laboral. Tamén se organizaron xornadas de portas abertas para que as familias dos traballadores coñezan o proceso de produción.

En novembro, Grupo Lence renderá homenaxe aos gandeiros galegos, piares fundamentais do sector, cun evento especial na súa sede lucense.

O peche do ano incluirá a estrea dun spot conmemorativo, un remake galego do icónico “Keep Walking” de Johnnie Walker, protagonizado por Carmen Lence e rodado no paseo do río Rato (Lugo). A campaña reivindica a “Actitude Río”, filosofía que define ao grupo: avanzar, adaptarse e seguir medrando.

En decembro, un evento interno de Nadal servirá para agradecer o labor do equipo humano, considerado o verdadeiro corazón da empresa.

Compromiso co rural galego

Con case 300 gandeiros, máis de 800 empregos indirectos e unha facturación que se duplicou nos últimos cinco anos, Grupo Lence reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade, a innovación e o desenvolvemento rural. A empresa colabora con entidades sociais, apoia o deporte galego e promove a modernización do sector lácteo.

“O noso maior orgullo é ter contribuído a alimentar o espírito de superación de varias xeracións e apoiar ao rural galego”, afirma Carmen Lence. “Este aniversario é unha celebración compartida e unha declaración de intencións: seguir fluíndo, como o río que inspira a nosa historia, para alimentar soños, proxectos e o futuro de Galicia”.