O Campus de Lugo da USC reforza o seu potencial de formación, investigación e de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo do sector primario coa posta en marcha dunha granxa experimental de vacún de leite, “unha infraestrutura fundamental” para o Campus Terra, segundo subliñou este martes o reitor da USC, Antonio López, na inauguración desta instalación na finca Gayoso-Castro de Castro de Rei, nun acto no que o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, salientou o carácter pioneiro e a relevancia que ten para a provincia e para o conxunto de Galicia este novo centro público que favorece a formación e a investigación sobre o sector lácteo.
A institución provincial destinou 1.250.000 euros para construír e dotar as instalacións da granxa experimental do Campus Terra, o 90 % do investimento necesario, e asumirá ademais o 100 % dos gastos de funcionamento, sinalou Tomé, para, de seguido, destacar que se trata dunha infraestrutura “de primeiro nivel no material, pero, sobre todo, no profesional”, na que se analizarán todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solución.
A granxa experimental de vacún de leite cubre ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que suporá un engadido de calidade na formación do alumnado porque farán prácticas nun laboratorio vivo.
As novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da Universidade de Santiago, “contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural”, asegurou o presidente da Deputación.
INSTALACIÓNS Á VANGARDA
As instalacións da granxa do Campus Terra están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas en produción e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da granxa experimental, investindo preto de 140.000 €, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura.