O Proxecto LakTis, que impulsa a descarbonización do sector lácteo desde o territorio, conectando ganderías, innovación e sustentabilidade para un futuro común, celebra os días 10, 11 e 12 de novembro en Ribadeo (Lugo), Ames (A Coruña) e Siero (Asturias) tres xornadas nas que se compartirán os primeiros resultados do cálculo da pegada de carbono en explotacións piloto e se debaterá sobre como transformalos en solucións reais.
Gandeiros, expertos, tecnólogos e cooperativas analizarán o impacto das medidas propostas e os pasos necesarios para construír unha folla de ruta común cara á descarbonización do sector lácteo. Ademais, empresas colaboradoras no proxecto presentarán varios casos de éxito na redución de emisións.
Son socios do Proxecto LakTis Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa Food), Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Central Leiteira Asturiana SAT (CLAS SAT) e Medrar Innovation Office.