A gran cita da buiatría española escolleu o País Vasco para a súa edición de 2025

Vitoria-Gasteiz acolleu do 28 ao 30 de maio o 27.º Congreso Anembe de Medicina Bovina de España, un encontro que bateu récords de participación e reforzou o seu papel como reunión de referencia para a veterinaria especializada. Máis de 800 profesionais déronse cita nunha edición marcada pola calidade científica, a ollada posta na sostibilidade e un ambiente de colaboración interxeracional que volveu encher salas, corredores e debates. Máis en Vaca Pinta 53.

Unha nova edición de récord. Así cualificou a directiva o Congreso Anembe 2025, que non só superou a barreira dos 800 congresistas —con inscricións mesmo de última hora— chegados desde distintos puntos de España e do estranxeiro, senón que tamén converteu a capital vasca en punto de encontro para unha comunidade veterinaria centrada na actualización científica, a innovación tecnolóxica e a convivencia profesional. Así o destacou Juan Carlos González, presidente de Anembe, ao valorar unha cita que volveu demostrar a vitalidade da veterinaria bovina en España. “Cada congreso ten vida propia, e este foi un reto desde que comezamos a organizalo”, afirmou.

“Im- plantando coñecemento, buiatría, sustentabilidade, avance, medio ambiente, investigación…”. A fusión entre “plantar” e “implantar” serviu como base conceptual e lema para promover unha cita que, este ano, continuou reforzando a misión de Anembe: asentar coñecementos e promover a evolución dunha profesión clave para a gandería.

Durante tres xornadas, o Palacio de Congresos Europa acolleu, en catro salas paralelas, un auténtico despregue de coñecemento: 59 relatorios, 44 comunicacións orais e 40 pósteres que abordaron desde os fundamentos clásicos da clínica bovina —alimentación, inmunoloxía, sanidade, reprodución, calidade do leite, benestar animal…— ata cuestións de vangarda como a robótica de muxido, o control de novas enfermidades emerxentes, as particularidades do extensivo e do cebo ou os desafíos burocráticos actuais vinculados a medicamentos e sustentabilidade, con especial atención ao sistema Ecogan. Vitoria, recoñecida como cidade verde por excelencia, ofreceu un contorno idóneo para dar continuidade ao fío condutor proposto na edición anterior, celebrada en Córdoba, e centrado tamén no equilibrio entre produción e medio ambiente.

O Congreso contou con 33 relatores —22 nacionais e 11 internacionais— seleccionados por un comité científico que traballou de forma continua durante todo o ano en coordinación coa Xunta Directiva, empresas do sector e centros públicos e universitarios. “Apoiámonos moito nas universidades, nas empresas e nos organismos públicos. Todos sumamos, ninguén queda fóra”, subliñou González. E esa confluencia reflectiuse na grande afluencia de público e na implicación das máis de 30 empresas patrocinadoras, que encheron por completo a zona expositiva comercial.

Ademais dos bloques temáticos, o programa incluíu dous seminarios específicos, sete simposios empresariais simultáneos e un concurso de fotografía que volveu destacar a creatividade e o compromiso do colectivo coa realidade do campo. Máis alá do alto nivel técnico, o Congreso ofreceu un ano máis un espazo imprescindible para o intercambio de experiencias, a colaboración e a construción de comunidade entre profesionais de distintas xeracións.


59 relatorios, 44 comunicacións orais e 40 pósteres conformaron o programa técnico do Congreso Anembe 2025

MÉRCORES: ENSILADOS, REPRODUCIÓN E SANIDADE BOVINA

A xornada do mércores 28 comezou con dous seminarios prácticos en horario de mañá. O primeiro, impartido por Alex Udina e Antón Camarero (Adial), centrouse na avaliación teórica e práctica do impacto da calidade dos ensilados na saúde do ubre e na calidade do leite. Paralelamente, os doutores Julio Giordano (Universidade de Cornell, EE. UU.) e Roberto Sartori (Universidade de São Paulo, Brasil) desenvolveron un seminario sobre protocolos de traballo reprodutivo.

Xa pola tarde, no Palacio de Congresos Europa, comezaron as sesións científicas. Ramiro Casimiro (AEMPS, España) abriu a sesión cunha intervención en tres partes sobre a farmacovixilancia veterinaria, abordando tanto a situación actual como as obrigas dos veterinarios. A continuación, Christian Gortázar (IREC-CSIC, España) ofreceu unha charla sobre gandería, biodiversidade e epidemioloxía da tuberculose, e Trevor de Vries (Universidade de Guelph, Canadá) expuxo dous relatorios consecutivos dedicados á transición da lactación ao período seco e á optimización da inxestión nesta etapa crítica. En paralelo, Germán Cáceres (MAPA, España) analizou a febre aftosa desde a súa repercusión económica ata as ameazas actuais para España.

Tras o acto inaugural e a pausa para o café, as sesións continuaron coas intervencións de Soledad Collado (MAPA, España), quen abordou as medidas de vixilancia e control da tuberculose bovina na fauna silvestre; Trevor de Vries, que falou da xestión nutricional en rabaños de muxido robótico; Carmelo Ortega (Universidade de Zaragoza, España), que presentou o plan sanitario integral e a vixilancia de resistencias antibióticas, e Francisco Maroto (Universidade de Córdoba, España), quen reflexionou sobre os retos e oportunidades da gandería de precisión.

A segunda parte da tarde completouse con dúas mesas redondas, unha centrada na tuberculose e outra sobre gandería de precisión,  así como coas charlas de Marta Miranda (Universidade de Santiago de Compostela, España) sobre hematoloxía e bioquímica práctica en vacún, e de Elisa Pérez-Ramírez (INIA-CSIC, España) sobre o virus da gripe aviaria H5N1 en bovino. Jaime Magdalena abordou a influencia do reconto de células somáticas na industria láctea e a calidade microbiolóxica do leite en orixe, José Ortega (Agroal, España) falou dos riscos dentro do plan sanitario integral e David José Pérez (IMIDRA, España) expuxo as posibilidades do telepastoreo en sistemas ligados ao territorio. Completou o cadro de conferencias do día Pedro Meléndez (City University of Hong Kong, China), cunha intervención sobre o uso de sales aniónicas na prevención da hipocalcemia, con énfase no pH urinario.


O lema “Im-plantando coñecemento” simbolizou a fusión entre ciencia, sostibilidade e práctica clínica nunha cita á que acudiron máis de 800 profesionais buiatras

XOVES: CALIDADE DO LEITE, XENÓMICA, VACINAS E BENESTAR ANIMAL

A mañá do día 29 iniciouse con intervencións paralelas de Trevor de Vries sobre a xestión da calidade do leite en sistemas de muxido robotizado, Odón Sobrino (MAPA, España) sobre as obrigas medioambientais en vacún a través de Ecogan, e Christopher Chase (Universidade Estatal de Dakota do Sur, EE. UU.), que introduciu conceptos clave de inmunoloxía e vacinoloxía. En paralelo, Giordano falou sobre a xenómica e a reprodución en vacas con diferente potencial xenético, mentres que Óscar del Hierro (Neiker, España) presentou BovidCO2, unha ferramenta para a avaliación ambiental multicriterio en vacún de carne.

Máis adiante, Giordano abordou os desafíos e oportunidades dos programas de reinseminación, e Ramsés Reina (IDAB-CSIC, España) disertou sobre as bases inmunitarias nas vacinas. De forma simultánea, celebrouse unha mesa redonda sobre sostibilidade e gandería, centrada nos pagamentos ou cobros relacionados con Ecogan.

A sesión continuou con Roberto Sartori, que actualizou coñecementos sobre o ciclo de alta fertilidade, e con Christopher Chase, que profundou nos tipos de vacinas e a súa clasificación. Carmen Fernández (MAPA, España) centrouse no rexistro de MTDS e no cálculo de emisións en granxa, tanto en vacún de leite como de cebo.

Posteriormente, Sartori volveu intervir cunha charla sobre mortalidade embrionaria e fetal en bovinos, e Ramsés Reina analizou as vías de administración de vacinas. Pola súa parte, Isabel Blanco (Universidade de Lleida, España) ofreceu dúas intervencións: unha sobre o comportamento animal como ferramenta para avaliar o benestar e a eficiencia gandeira, e outra sobre métricas que axudan a analizar a cantidade de vida e o benestar animal en clave de sustentabilidade. Julio Giordano pechou a súa participación cunha exposición sobre ferramentas para o seguimento automatizado da rendibilidade de vacas e grupos. En paralelo, celebrouse unha mesa redonda centrada en vacinas.

SIMPOSIOS DE EMPRESA

A tarde do xoves dedicouse aos simposios de empresas patrocinadoras. Syva centrou a súa intervención na vacinación como eixe da estratexia fronte a enfermidades vectoriais, Hipra falou do control dos principais virus en bovino máis aló das vacinas e Zoetis presentou un programa para o seguimento e control do ERB en explotacións.

Ceva, pola súa banda, abordou a xestión dos recursos humanos en granxa e como mellorar os resultados mediante ferramentas específicas de programación neurolingüística, mentres que Calier tratou as estratexias para incrementar a taxa de concepción en vacas de leite.

Alivira expuxo o seu modelo para a optimización da produción, a redución do metano e o acceso a créditos de carbono e Gea Farm presentou o seu sistema de muxido por lotes, con énfase nas súas oportunidades nutricionais e económicas.

VENRES: RECRÍA, FERTILIDADE, INMUNIDADE E TECNOLOXÍAS EMERXENTES

O venres 30 de maio abriuse cos relatorios de Jo Leroy (Universidade de Amberes, Bélxica), que falou sobre a necesidade de planificar a fertilidade das vacas e sobre a saúde ovárica e oocitaria, e de Bernadette Earley (Teagasc, Irlanda), que tratou o impacto das prácticas de manexo en xatos e os seus efectos inmunolóxicos. Así mesmo, Alejandro Belanche (Universidade de Zaragoza, España) abordou o desenvolvemento ruminal temperán e a mitigación da metanoxénese.

Máis adiante, Roberto Sartori analizou o impacto da nutrición na calidade de oocitos e embrións, Jessica McArt (Universidade de Cornell, EE. UU.) explicou a relación entre a dinámica do calcio posparto e a inflamación no inicio da lactación e Luis Varona (Universidade de Zaragoza, España) disertou sobre a selección xenómica en razas autóctonas de vacún de carne.

Tras a pausa, Julio Benavides (CSIC, España) impartiu dúas conferencias sobre inmunidade mamaria: unha sobre a defensa local e a resposta sistémica, e outra sobre os mecanismos de evasión inmunitaria en infeccións mamarias. McArt tamén volveu intervir cun relatorio sobre o uso do leite para monitorizar a saúde do rabaño. Pola súa parte, Serge Lacaze (Auriva Elevage, Francia) expuxo as perspectivas e límites da xenómica en razas de carne en Francia.

No último tramo da mañá, o veterinario Fernando Sanagustín dedicou a súa charla á calidade microbiolóxica da auga en explotacións leiteiras, Jesse Goff (Universidade Estatal de Iowa, EE. UU.) propuxo estratexias para mellorar os niveis de calcio no sangue nos primeiros días de lactación e, finalmente, Pedro Meléndez volveu intervir para tratar a relación entre a adiposidade abdominal e as enfermidades do posparto.

Como colofón ás sesións técnicas, Néstor Guerra (NCompany, España) ofreceu unha conferencia maxistral sobre o papel da intelixencia artificial na transformación da medicina veterinaria.


A edición incluíu simposios empresariais, seminarios, mesas redondas e un concurso de fotografía

OS CONGRESISTAS VALORARON A INTERACCIÓN, A TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO E O ALTO NIVEL CIENTÍFICO

O veterinario Álex Udina, responsable xunto a Antón Camarero do seminario práctico sobre conservación de forraxes e a súa relación coa saúde do ubre, valorou especialmente o enfoque aplicado da actividade: “É moito máis interesante, creo eu, que a típica charla dunha hora en sala, porque é máis interactiva coa xente”. O seminario, que se celebrou nunha granxa, ofreceulles aos asistentes a posibilidade de interpretar análises de distintos tipos de ensilados e relacionar a súa calidade con parámetros como o reconto de células somáticas ou a incidencia de mamite. “A verdade é que foi un éxito, porque había só 50 prazas, xa que tiñamos que desprazarnos en autobús, e estaba cheo”, concluíu.

Marta Miranda, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, celebrou a oportunidade de formar parte do programa. “Para min é unha honra ter sido convidada a participar como relatora nun congreso de gran relevancia a nivel nacional e internacional”, apuntou, tras impartir dúas charlas sobre hematoloxía e bioquímica clínica. Miranda destacou, ademais, o valor destes encontros para estreitar a colaboración entre universidades, empresas e investigadores de campo.

Algúns relatores internacionais tamén compartiron as súas impresións sobre o evento. Jesse Goff, referente no ámbito da nutrición e metabolismo, eloxiou o nivel de participación en comparación co número de veterinarios especializados en España. “A capacidade de convocatoria é fantástica”, afirmou, ao tempo que aplaudiu o atractivo de Vitoria como cidade anfitrioa.


A asociación xa prepara os seus  vindeiros pasos, marcados pola posta en marcha da Fundación Anembe e da Academia Anembe

Tamén desde unha visión transversal, Néstor Guerra, experto en innovación e transformación dixital, subliñou a necesidade de que o sector veterinario se manteña ao día co avance tecnolóxico: “A intelixencia artificial xa é un eixe en moitas disciplinas, e en veterinaria bovina non podemos darlle as costas a un avance que vai ser transformador”. Guerra insistiu en que este tipo de congresos son espazos idóneos para compartir as novidades dos últimos meses e facilitar a súa aplicación na práctica clínica.

Fernando Sanagustín, veterinario con ampla traxectoria en produción leiteira, aproveitou a súa intervención para sinalar a necesidade de poñer en valor elementos básicos, pero a miúdo descoidados: “Gustaríame que a xente tomase conciencia da importancia da auga e da cantidade de diñeiro que se pode aforrar investindo moi pouco”, sinalou. Na súa opinión, a limpeza dos sistemas de distribución é unha materia pendente en moitas granxas. “Moitos xermes teñen unha implicación acuática e chegan á granxa provocando problemas tanto de calidade de produto como de saúde animal”, advertiu.

Desde unha perspectiva investigadora, Isabel Blanco Penedo reflexionou sobre a necesidade de achegar a ciencia ao día a día das granxas. “No día a día temos que coñecer a necesidade de achegarnos moito máis a indicadores que eles mesmos poidan medir”, sinalou, en referencia aos gandeiros. Nese sentido, incidiu na transferencia de coñecemento como mecanismo para avanzar cara a unha sostibilidade real, conectada co benestar animal.

Pedro Meléndez, que impartiu varios relatorios sobre a prevención da hipocalcemia, valorou este tipo de encontros como clave para “reforzar conceptos” e fomentar o debate profesional arredor das prácticas clínicas máis efectivas.

Jo Leroy, expresidente da Association of Embryo Technology in Europe, agradeceu o trato recibido e eloxiou a organización do evento. Con experiencia previa na coordinación de reunións similares, valorou positivamente tanto a sede como a implicación dos asistentes e das empresas patrocinadoras. “Vin moita xente contenta, así que, polo que podo xulgar, foi xenial. Voverei”, concluíu.

O MELLOR DO CONGRESO, CON VACA TV

Vaca TV volveu estar presente no Congreso Anembe 2025, cunha cobertura completa en formato fotográfico e audiovisual. Como novidade, este ano o equipo elaborou un programa especial que serviu como resumo do evento. Desde Vitoria, repasáronse relatorios, seminarios prácticos, novidades tecnolóxicas e os cinco grandes bloques temáticos: medio ambiente e benestar, reprodución e xenética, sanidade animal, nutrición e metabolismo, e tecnoloxía e xestión. O especial incluíu tamén entrevistas e unha ollada próxima á actividade na zona comercial.

A CONVOCATORIA DE 2026, EN VALLADOLID

Valladolid será a próxima cidade anfitrioa. Así o anunciou a directiva de Anembe durante a clausura do Congreso de 2025, que se pechou cunha valoración claramente positiva, tanto pola participación coma pola calidade dos contidos. “Estamos nun momento álxido”, celebrou o seu presidente, Juan Carlos González, quen fixo especial fincapé na presenza de veterinarios mozos. Nun contexto marcado pola preocupación pola remuda xeracional na clínica rural, esta afluencia supuxo un sinal de esperanza. “Algo estamos facendo ben”, afirmou, aínda que non agochou a complexidade do reto: atraer, formar e reter as novas xeracións comprometidas coa práctica veterinaria no entorno gandeiro.

Desde a dirección de Anembe xa se traballa con vistas a 2026, con dous proxectos clave enriba da mesa, que irán en paralelo ao próximo congreso: por unha banda, a consolidación da Fundación Anembe, concibida como unha estrutura de apoio e visibilidade para as actividades científicas e divulgativas da asociación; por outra, o desenvolvemento da futura Academia Anembe, un centro de formación práctica aberto non só a socios, senón tamén a outros perfís esenciais no traballo de campo: auxiliares de granxa, técnicos ou capataces gandeiros. “Hai moitas tarefas pendentes, pero temos ilusión e sabemos que isto é unha carreira de relevos”, asegurou González.

Finalizou así unha edición que volveu demostrar o dinamismo dun colectivo en constante evolución, coa capacidade de integrar ciencia, empresa e práctica profesional nun mesmo espazo. Unha edición que confirmou que a forza de Anembe reside na súa capacidade para adaptarse, sumar e mirar cara adiante.

 

COMUNICACIÓNS ORAIS PREMIADAS POR ANEMBE

PRIMEIRO PREMIO

Efectos da subnutrición e do hidroxitirosol a finais de xestación sobre os parámetros produtivos e metabólicos das vacas nodrizas en xestación e lactación - Leire López de Armentia

Composición do calostro e a súa contribución ao establecemento da microbiota intestinal en becerros - Leire Urrutia-Angulo

TERCEIRO PREMIO

Identificación de variantes xenéticas deletéreas no transcriptoma de vacas frisonas infectadas de maneira natural por Mycobacterium avium subsp. paratuberculose - Gerard Badia Bringué