A Xornada de Saúde Podal e Benestar de Anka reuniu a un centenar de persoas ligadas ao sector gandeiro

A Xornada de Saúde Podal e Benestar de Anka reuniu a un centenar de persoas ligadas ao sector gandeiro

Con motivo do seu 30 aniversario Anka organizou en Pamplona unha xornada enfocada na saúde podal do gando vacún. Máis de 15 entidades vinculadas ao sector gandeiro deron apoio a esta iniciativa, desde industrias lácteas a asociacións de gandeiros, pasando por grupos de veterinarios, podólogos e a Universidade Pública de Navarra. Todos coincidiron no obxectivo da xornada: pór de manifesto a importancia da saúde podal como un dos indicadores máis importantes do benestar en gando vacún leiteiro.

A xornada contou con tres relatores de diferentes ámbitos do sector. Adrián González, fundador e director técnico do grupo Anka, repasou como cambiou a podoloxía bovina nestes últimos 30 anos e explicou os factores máis importantes na saúde podal de hoxe en día; Sergio Calsamiglia, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, tratou a importancia da observación e dos coidados precoces das vacas e como as novas tecnoloxías poden predicir as enfermidades facilitando a súa prevención, e James Husband, director técnico de EBVC (Inglaterra), explicou a importancia da locomoción como indicador de benestar e como en Inglaterra as grandes superficies xa pagan aos produtores de leite en función do benestar dos animais.